Primeira marexada en Ribeira con Susana Sampedro e o himno dorneiro 2.0

BARBANZA

A actriz, que lle pón voz á nova versión da mítica canción, sustituíu a Xurxo Souto, que non puido asistir ao pregón

19 jul 2024 . Actualizado a las 10:43 h.

Despois de que o percorrido do Facho Dorneiro lle dera pola mañá a saída a unha nova singradura, a número 76, estaba previsto que Xurxo Souto, cantante e intérprete do himno dorneiro por todos coñecidos, cuxa letra escribiu o ribeirense Santi Páramo, lera o pregón inaugural da festa, pero non puido asistir, así que foi sustituído no escenario que se instalou na Porta do Sol pola actriz local Susana Sampedro. Un relevo lóxico, tendo en conta que ela é a que lle pón voz á nova versión da mítica canción, caracterizada por un cambio de ritmo, con toques de reguetón e rap.

Precisamente foi interpretando ese himno que non deixará de soar en Ribeira ata ben entrada a noite do vindeiro día 24 como Susana Sampedro rematou un pregón durante o que lembrou os comezos da Festa da Dorna, con referencias á broma sobre o sorteo dunha embarcación que deu pé ao comezo da festa alá polo 1948, ao concerto que os Heredeiros da Crus ofreceron no García Bayón «facéndose pasar diante da organización por un grupo folk» e á antiga discoteca Cambeiro, onde tiña lugar o Baile de Jala.

Antes de facer cantar e bailar ao respetable, Susana Sampedro quixo que, como toda inauguración que se prece, a da Festa da Dorna incluíra o corte da cinta. Á falla dunha banda que servirá para dita función, decidiu que dúas voluntarias a acompañaran no escenario para rachar unha camiseta dos Sanjuerguines da Pobra, un xesto que, como non podía ser doutro xeito, espertou as risas dos dorneiros.

Tralo pregón, foi o presidente da Real e Ilustre Cofradía, Juan José Segade, o que colleu o micro para nomear ás peñas que se sumaron a esta edición da festa e facerlles entrega da dorneiriña. Unha proxección sobre a fachada da igrexa de Santa Uxía e un concerto da Orquesta Neverloura, que acudiu a Ribeira en sustitución da Banda Xangai, liderada por Xurxo Souto, pecharon o arranque da festa máis rachada.