Coincidimos casualmente nun pub en Londres
20 sep 2024 . Actualizado a las 05:05 h.Coincidimos casualmente nun pub en Londres. Non o tiña visto dende que eu era un neno. Nada de estrañar: marchara de pobo cando rematou o servizo militar e, agás nalgunha esporádica viaxe de ida e volta para asistir a un par de enterros familiares, non retornou nunca máis. Levaba case que 5 décadas en Reino Unido onde tiña enraizados destino e familia. Afable e locuaz, despregou un apaixonado relatorio da paisaxe humana e social da súa infancia.
Escoiteino atentamente mentres el rememoraba, entusiasta e gozoso, un aluvión de lembranzas aderezado con esa pátina azucrada e amable coa que acostumamos untar a obxectividade dos nosos recordos. O que me marabillou da súa narrativa foi que estaba ao tanto, e ao cabo, de todo o que na súa ausencia seguía acontecendo na nosa vila.
Ante a miña sorpresa, confesoume que diariamente, cunha constancia escolástica, lía todo o que os xornais locais e a internet contaban da nosa bisbarra. Aínda que esperaba a resposta, armeime coa maior dose de empatía da que fun capaz e pregunteille como era que nos visitase tan pouco. Mudoulle a cara, desviou a mirada e respondeu: «En fin… digamos que, alá, non tiven unha nenez moi bonita». Lixeiro e sutil, virou de conversa, convidoume á pinta, despediuse cunha aperta cordial e marchou. Non facía falla posuír unha alta agudeza dedutiva para caer na conta de que era un home cun pasado infantil emocionalmente enquistado nun dó sen resolver.
Posúo o firme convencemento de que a máis decisiva herdanza que lle debemos intentar doar aos nosos fillos e fillas é unha infancia equilibrada e feliz coa que construír un futuro. Xa poderemos legarlles o tesouro de Moctezuma que, se non vai acompañado de abondosa afectividade, non lles valerá res.
Non existe no mundo ouro, capital, nin patrimonio que supla unha profusa e constante doazón de agarimo. Non obstante, non deberiamos caer no reducionismo e pensar que só a familia é a encargada dese legado. Todos e todas, sen excepcións, debemos ser quen de garantir que os nosos menores, sexan ou non os nosos fillos, vivan cun aval suficiente de querer que lles poida asegurar unha adultez totalmente libre de débedas emocionais. Por iso, cando me atopo con xente coma Antonio, ensombréceme a alma porque eu tamén son, indirectamente, responsable da súa infelicidade.