Banalidade

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de archivo del hórreo de O Araño.
Imagen de archivo del hórreo de O Araño. LVG

Non se trata só de que se faga cun hórreo, senón de que se aplique á conservación do patrimonio etnográfico en xeral

03 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A moita xente parécelle bonito ter un hórreo no seu xardín, sen comprender o seu valor espiritual, simbólico e cultural na historia de Galicia. Moitas veces, as autoridades colocan hórreos en rotondas e espazos públicos, sen ter en conta o seu significado. Non é raro que se desmonten e trasladen hórreos orixinais ou se constrúan imitacións que, ás veces, son desproporcionadas e carecen de gusto estético. Tamén hai quen acondiciona cabazos para darlles uso turístico ou como simple decoración de negocios, sen respecto polo seu contido cultural. Aluminio, cristal ou pezas metálicas substitúen os materiais tradicionais, alterando por completo a súa estrutura arquitectónica.

Sobre os gustos persoais hai moito debate, e é certo que moita xente que non ten formación en estética pode considerar bonito un hórreo sen saber da súa función orixinal. Con todo, segundo os expertos, estas intervencións son un claro exemplo de fetichismo e enxebrismo, e constitúen unha falta de respecto pola nosa historia, mesmo cando as intencións son boas.

O traslado de hórreos, ou a súa reconversión en espazos turísticos sen criterio revela unha inconsciencia que non entende a riqueza inmaterial que acompaña aos graneiros. Construír algo imitando a un hórreo, sen analizar as proporcións e os materiais, é deixar lixo ciscado que falsea a nosa historia.

Non se trata só de que se faga cun hórreo, senón de que se aplique á conservación do patrimonio etnográfico en xeral, como os arados ou cruceiros. Deixar que se banalicen estes bens culturais é vulgarizar a nosa identidade e historia.