O baúl que garda a memoria do Barbanza

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Neste recompilatorio se fala da historia da armadora noiesa Carmen Pérez e da orixe das primeiras conserveiras
Neste recompilatorio se fala da historia da armadora noiesa Carmen Pérez e da orixe das primeiras conserveiras

O recompilatorio de Barbantia repasa lendas e grandes fitos da comarca

11 dic 2024 . Actualizado a las 20:41 h.

Aqueles que queiran coñecer un pouco máis da memoria da comarca non poden deixar pasar a oportunidade de facerse co novo recompilatorio de Barbantia, que este domingo sairá aos quioscos por un prezo de dous euros. Nas súas páxinas, os lectores poderán atopar unha sección —bautizada como Historia— onde se descobren interesantes lendas, fitos e curiosidades que mancaron o devir de moitos dos concellos e veciños do Barbanza.

 Entre as curiosidades que aparecen neste sétimo traballo —que abrangue os números 150 ao 175 do suplemento A Voz de Barbantia publicados entre o 31 de xaneiro do 2020 ata o 28 de maio do 2022— está unha reportaxe sobre o eremitorio da Misarela na Pobra, onde se conta a historia dun santo que tivo que fuxir dos mouros nunha barca de pedra e, conforme remontaba o río, o caudal encheuse de cantos rodados que obstaculizaron o paso dos seus perseguidores. Tamén se fala neste recompilatorio do asasinato dos irmáns Somoza Piñeiro de Boiro, dos cen anos do Coliseo Noela, do caudillato que houbo en Porto do Son para impedir que as tropas inglesas arribaran ás costas da comarca no século XVII, ou da vida de Lorenzo de Armada, o noiés que participou na segunda viaxe capitaneada por Cristóbal Colon ao novo mundo.

 Tamén era deste mesmo concello Carmen Pérez García, unha das primeiras emprendedoras que, á morte dos seus pais, fíxose cargo da empresa de cabotaxe Navales Barcia e a converteu nunha das máis potentes de España. Neste exemplar tamén se dedican moitas páxinas a falar dos descubrimentos feitos na comarca en distintas escavacións, que permitiron atopar restos do paso dos romanos en Portosín e Burés (Rianxo), ou dos petróglifos en San Martiño de Fruíme; e tampouco faltan artigos sobre a importancia da industria conserveira na comarca.

Todo isto e moitas curiosidades máis forman parte deste sétimo recompilatorio de A Voz de Barbantia que se presentará este sábado, na casa da cultura de Muros, nun acto no que tamén terá lugar a entrega dos premios anuais que impulsa a asociación cultural do mesmo nome. Ademais, aproveitarase esta cita para dar a coñecer o vixésimo Anuario de estudos do Barbanza.