A mirada crítica de «A Voz de Barbantia»

Ana Lorenzo Fernández
A. Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

No recompilatorio poden atoparse críticas sobre o traballo de artistas como Yolanda Carbajales ou Manuel Ayaso
No recompilatorio poden atoparse críticas sobre o traballo de artistas como Yolanda Carbajales ou Manuel Ayaso

O suplemento deu conta de gran parte das exposicións que houbo na comarca

13 dic 2024 . Actualizado a las 20:13 h.

A comarca do Barbanza pode presumir de ter un bo repertorio de artistas e creadores de gran nivel que periodicamente amosan as súas obras en exposicións de todo tipo. Moitas delas tiveron un fiel reflexo no suplemento A Voz de Barbantia a través da súa sección As letras da arte. Crítica. Distintos colaboradores desta publicación foron cada número dando conta destas mostras e destacando aquelas particularidades dos seus autores ou de pezas moi concretas.

 O sétimo recompilatorio de A Voz de Barbantia reproduce as 25 críticas de arte publicadas nas súas páxinas entre o 31 de xaneiro do 2020 e o 28 de maio do 2022, e que estarán ao alcance dos lectores a partir deste domingo. Para conseguilo só hai que achegarse aos quioscos onde se distribúe La Voz de Galicia e mercalo por un prezo de 2 euros. 

Nel poderán encontrar a opinión de Eme Cartea sobre a exposición de Manuel Romero no Lustres Rivas, ou de varias pezas creadas pola escultora Soledad Penalta á que lle dedica varias críticas en distintos números deste suplemento. O gran Manuel Ayaso tamén ten cabida neste recompilatorio, a través das verbas que escribe Antonio Piñeiro, onde conta que o artista de Aguiño empregaba moito o bolígrafo para debuxar con rapidez e facer os esbozos dos seus últimos debuxos. Non falta tampouco a pegada doutros coñecidos creadores, como o artista Che Tembra, ou os pintores Xosé Luis Veiras Manteiga, Paco Casal ou Manuel Facal, que comparten a mesma sección con outros artistas que parten de estilos moi diferentes, como a debuxante noiesa Rosana Calvo, a artista gráfica Yolanda Carbajales, a vidrieira Goretti Bello, ou o escultor Mon Vasco.

 Presentación

Para a posta de longo deste sétimo recompilatorio de A Voz de Barbantia, escolleuse a casa de cultura de Muros, onde mañá tamén terá lugar a entrega dos Premios Barbantia da Cultura, que este ano recaeron en Che Tembra, o dúo Barahúnda e o músico Rodrigo Romaní.

 O acto, que tamén servirá de celebración dos vinte anos de vida da Asociación Cultural Barbantia, finalizará cunha comida de confraternidade.