Pepe Cáccamo, Baldo Ramos e Antonio Piñeiro amosan os seus libros de artista
14 dic 2024 . Actualizado a las 19:57 h.O talento creativo de Pepe Cáccamo, Baldo Ramos e Antonio Piñeiro fúndese na exposición que a noite do venres foi estreada no Museo do Gravado de Artes. A través dos seus libros de artista, os tres integran unha conversa artística na que deixan ver os puntos que teñen en común, froito do contacto que manteñen desde hai tempo.
Cáccamo participa na mostra que leva por título A tres con 17 libros que, como el mesmo explicou no acto de inauguración, forman parte dunha serie que agromou a partir do exemplar Dun mansa estoura almou, que viu a luz no 2022. Nela, aproveita elementos antigos, algúns con varias décadas de historia, como cartón, restos de pigmento, cadernos e obxectos de escritorio, que asocia a deseños grafolóxicos, caligramas, signos alfabéticos e debuxos.
Ramos, pola súa banda, achega á mostra 15 obras, que extraeu de diferentes intres da súa dilatada traxectoria como poeta, pintor e biblioartista. Nelas, indaga sobre as posibilidades do papel e das tintas, ao tempo que inclúe grafías e texturas.
Baixo o título Calcinación, Antonio Piñeiro reflexiona sobre o residuo artístico, os descartes do proceso creativo e a recondución constante da obra. Fragmentos de textos, anacos de follas con pegadas de toda clase de usos, manchas residuais, bosquexos desbotados e probas de cor conforman as páxinas dos libros que presenta nesta exposición.
Técnica inusual
No acto de apertura, os tres artistas foron presentados polo director do Museo do Gravado, Xoán Pastor Rodríguez. Tamén estivo presente o fundador do centro artístico, Javier Expósito, que amosou a súa satisfacción pola coincidencia do trío de creadores e resaltou a importancia que teñen os libros de artista, unha técnica que só desenvolve un grupo selecto en Galicia. Sobre este punto incidiu Severino Álvarez, o director territorial da Consellería de Cultura, que tamén se achegou a Artes.
En representación do executivo de Ribeira acudiu o tenente de alcalde Vicente Mariño, que enxalzou a exposición, destacando que lle permite ao público mergullarse no universo creativo de tres autores e nos eidos da literatura e das artes plásticas.
A mostra complétase cunha publicación de 90 exemplares. Para cada un deles, os tres autores achegaron dúas obras gráficas e unha peza poética manuscrita.