Ana Pontón reitera en Rianxo a petición para Castelao de primeiro presidente de Galicia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A portavoz nacional do BNG participou na conmemoración dos 75 anos do falecemento do escritor no exilio

26 ene 2025 . Actualizado a las 20:27 h.

Mergullada nos actos de homenaxe a Castelao, a vila de Rianxo recibiu este sábado a visita da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que reiterou a proposta de recoñecer ao escritor como primeiro presidente galego. Asemade, destacou a súa relevancia histórica e política, reivindicándoo como «figura central na historia do nacionalismo galego». Afirmou que o recoñecemento «debe ter carácter oficial e legal porque está historicamente xustificado, é de xustiza e debe ser un orgullo para as institucións e o pobo galego».

Neste sentido, a líder do Bloque subliñou que a figura de Castelao «non pode ser un símbolo baleiro, unha estatua inerte ou o nome dunha medalla». Criticou deste xeito a quen invoca o seu nome, pero nega os principios que defendeu, como o recoñecemento de Galicia como nación e a protección da lingua galega: «Escoitamos en moitas ocasións dicir que Castelao é de todos e de todas». Advertiu que o pleno da vindeira semana no Parlamento, no que se abordará a proposta, «será unha oportunidade para ver até que punto esa frase é certa».

Na súa intervención no auditorio de Rianxo, Ana Pontón denunciou que o Partido Popular «segue a branquear o franquismo banalizando e minimizando o terror, os asasinatos e as mortes na illa de San Simón», trala la polémica dos últimos días polas declaracións do popular José Luis Ferro negando fusilamentos na illa durante el franquismo, debate que o presidente Alfonso Rueda derivou aos historiadores. Cualificou estas declaracións de «aldraxe a Castelao», e reclamou que ese lugar sexa catalogado como «Illa da Memoria». Do mesmo xeito, criticou que o PP vete a celebración do Día da Galiza Mártir, instituído polo intelectual rianxeiro no 1941, destacando que iso forma parte dunha estratexia para «ocultar, negar ou soslaiar que Castelao foi unha figura central na historia do nacionalismo galego».

No transcurso da súa visita ao berce do escritor, Pontón tamén destacou o legado político e cultural que deixou como «fonte de inspiración e compromiso nacionalista». Afirmou que, de estar vivo, el apoiaría as loitas actuais como a defensa dos recursos naturais fronte ao «espolio» ou a protección do idioma galego fronte ás «políticas lingüicidas do PP». «Castelao estaría o próximo 23F en Compostela na gran mobilización en defensa da nosa lingua», declarou, para engadir que tamén apoiaría a quen defende dereitos como a igualdade, o emprego digno e unha vivenda accesible.

Neste contexto, a líder do Bloque convocou á cidadanía a organizar actividades e celebracións ao redor da figura de Castelao ao longo deste ano, cualificándoo como unha oportunidade para «multiplicar a militancia, o traballo, a forza e o avance do BNG». Ademais, fixo un chamamento ás institucións para que «non traizoen o seu legado». «A maior homenaxe que lle podemos render é seguir a súa consigna: converter os anceios en realidades e os ideais en feitos», concluíu.

Novo epistolario

A visita de Ana Pontón, que participou nunha ofrenda floral realizada no busto de Castelao que se atopa no paseo da Ribeira, foi organizada polo BNG e contou tamén coa presenza do responsable comarcal da formación, Fran Rei, e da portavoz a nivel local, Sarela Betanzos. Na vila tamén están a ter lugar actos de homenaxe ao escritor impulsados desde o Concello. No marco deste programa, o escritor local Xosé Luís Axeitos presentou na noite do venres Cartas (1956-1979), unha publicación que inclúe 332 misivas que se enviaron Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.

Elena Fernández

Aínda que son de carácter persoal, estas cartas permiten achegarse ao século pasado, a un período no que os acontecementos da historia segaron, ás veces para sempre, milleiros de vidas posibles e de mentes brillantes. «Estas cartas teñen a frescura da conversación, a frescura da actualidade política, artística... e crean, e debuxan todo un magnífico círculo de sociabilidade que eles van, dalgunha maneira, mantendo ao longo dos anos», subliñou Axeitos.

O epistolario «ten un interese único, excepcional, porque se segue a actividade política e a económica, os movementos críticos e clandestinos, con Castelao sempre ao fondo... é un epistolario en liberdade, pero, ao mesmo tempo, secuestrado polo exilio durante tantos anos», declarou o autor.