Oliveira Casal
01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Dando definitivamente por irresoluble o debate acerca de se a arte imita a vida ou é ao revés, opino con énfase que a última versión de Nosferatu non dá menos do que promete. Esperar moito de algo ou de alguén resulta un comezo infalible para acabar sentíndose decepcionado. En realidade, é só un o que se decepciona a si mesmo, sempre; aínda que persistamos en querer botarlle a culpa a outro, ou ao sistema, ou aos deuses. Ansiamos aínda que a vida e a arte nos sorprendan para ben: un amigo auténtico, un poema conciso e fermoso, un amor de novela ou de película, unha película ou unha novela sen trampa nin mentira.
Nosferatu é un goce visual, aínda que, por descontado, non tan valiosa como a «copia orixinal»
Ben sabido é que en l922 un xuíz ordenou destruír todos os exemplares fílmicos da obra cinematográfica que Mournau acabara de dirixir aquel mesmo ano por ser un plaxio oficioso da novela de Bram Stoker. Sobreviviron algunhas copias. Hai quen afirma que só unha. Chegou a nós a tolemia iniciática do expresionismo alemán. Acordamos de Caligari, tamén de Fausto, si, pero ningún intérprete puido competir coa loucura orixinaria de Max Shreck ao facer de carne e óso un personaxe no celuloide —din que tamén na vida privada—.
Escribo algo e xa preciso matizalo, por impreciso: si puido outro, dando vida ademais ao mesmo Conde Orlok: Klaus Kinski. Quen pode sobrepasar en chaladura actoral de Kinski? E foi así que tamén o actor que encarnou ao conde Orlok na «copia seminal» foi terroríficamente alcanzado pola versión plaxiaria de Herzog. Unha xoia filosófica de tocador.
Aquí, de principio a final, o papel protagónico é feminino: Ellen, a noiva atormentada polo vampiro. Claroscuros, simboloxía ocultista, uso alquímico das fontes de luz. Dá gusto ir vela ao cinema. Na cadea de imitacións e plaxios, calquera dos tres noctámbulos Nosferatu alcanza cinematograficamente a todos os sedutores Dráculas que si pagaron dereitos, agás, quizais, ao de Coppola.