O Plan Único da Deputación, un motor de desenvolvemento para os concellos

Antón S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

BARBANZA

atr

Desde a súa estrea repartiu 718 millóns e financiou máis de 4.300 obras

07 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña consolídase neste 2025 como unha das ferramentas máis eficaces para o fortalecemento e a modernización dos concellos da provincia. Desde a súa posta en marcha no 2017, este plan transformouse nun modelo de financiamento local pioneiro en Galicia, cun impacto directo na mellora das infraestruturas, na prestación de servizos municipais e na dinamización económica das vilas e cidades coruñesas.

Desde a súa creación, o Plan Único destinou preto de 718 millóns de euros aos 93 concellos da provincia, permitindo financiar 4.343 obras e miles de servizos públicos. Cada ano, este programa supón unha inxección económica decisiva para os municipios, que poden destinar os fondos a financiar obras, gasto corrente, programas sociais e medidas para impulsar a economía local.

O Plan Único pechou o 2024 con 100,5 millóns de euros destinados aos concellos coruñeses. A súa flexibilidade permite que os municipios poidan adaptar os fondos ás súas necesidades específicas, garantindo que cada euro investido reverta directamente na mellora da calidade de vida da cidadanía.

A Deputación prevé que o Plan Único alcance este ano o seu rexistro máximo de investimento, xa que a dotación inicial do POS+ increméntase no 2025 nun 72 % con respecto ao do ano anterior, pasando de 50 a 86 millóns de euros, unha cifra que se irá incrementado progresivamente coas achegas adicionais ao longo do ano e que podería superar os 125 millóns ao remate do actual exercicio.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou «a revolución que supuxo para os concellos coruñeses a posta en marcha do Plan Único, xa que reciben ata catro veces máis fondos e teñen total liberdade para decidir en que os invisten».

Non hai moitos anos, o Plan de Obras e Servizos (POS) destinaba apenas 25 millóns de euros anuais aos concellos. Desde a creación do POS+, esta cifra multiplicouse por catro e rolda entre 90 e 100 millóns cada ano. Tamén quedaron atrás as épocas nas que a Deputación decidía o destino dos fondos con plans específicos para a construción de piscinas ou campos de fútbol. Agora son os concellos —os que mellor coñecen as necesidades da veciñanza— os que teñen o poder de decidir.

González Formoso incidiu tamén no problema económico que supón para as Administracións locais seguir asumindo competencias autonómicas sen que a Xunta as dote de financiamento adecuado e destacou que «por primeira vez a Deputación da Coruña vai investir este ano máis nos 93 concellos da provincia que a Xunta nos 313 municipios de toda Galicia».

O POS+ mantén miles de empregos e impulsa a economía

Un dos aspectos máis destacados do Plan Único é o seu impacto na creación de emprego. Segundo os estudos económicos dispoñibles, cada millón de euros investido xera 17 postos de traballo, o que significa que, desde a súa implantación, o programa contribuíu a crear ou manter máis de 12.000 empregos na provincia da Coruña.

O financiamento de proxectos a través do Plan Único tamén incentiva a actividade empresarial local, ao permitir que pequenas e medianas empresas accedan a contratos para a execución de obras públicas e servizos municipais. Así, estímase que unha parte importante dos fondos revertidos nos concellos acaban por reforzar o tecido produtivo galego.

As actuacións financiadas polo Plan Único abranguen un amplo abano de ámbitos claves para a calidade de vida nos concellos, como a mellora de infraestruturas viarias e núcleos rurais, o abastecemento de auga e saneamento, instalacións deportivas e culturais, políticas sociais e servizos asistenciais, e sostibilidade e eficiencia enerxética.

«O Plan Único é considerado un exemplo de boa xestión e planificación territorial. A súa estrutura permite que os concellos dispoñan de recursos económicos de xeito áxil e adaptado ás súas necesidades, evitando burocracia innecesaria», sinalan fontes da Deputación.