Impacientes

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de archivo de una cola en la estación de tren de San Cristóbal, en A Coruña.
Imagen de archivo de una cola en la estación de tren de San Cristóbal, en A Coruña. Marcos Miguez

18 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A próxima vez que viaxen fíxense, se aínda non o fixeron. Cando os altofalantes dun tren anuncian unha parada, moitos viaxeiros érguense e colócanse na porta de saída, onde teñen que agardar varios minutos. Cando un avión aterra, e pese ás advertencias, levántanse os viaxeiros e botan dez minutos en pé, sen poder desaloxar correctamente a aeronave.

Cando abren a porta de embarque do aeroporto, a gran maioría dos pasaxeiros levántanse para facer cola diante da porta. Sabendo que non van adiantar nada, sabendo que o medio de transporte non sae ata que todo o mundo está colocado, sabendo que non vai quedar en terra, sabendo que hai tempo suficiente para reaccionar, sabendo que pagan o mesmo e non aforran por mover o cu, e sabendo que non se premia a quen chega antes. Moitas persoas son impacientes, e ata cabezóns lles chaman os membros das tripulacións. Non son quen de agardar uns minutos para facilitar o tránsito de todo o grupo.

Algúns traballadores dos avións téñenlle un nome específico aos primeiros que se poñen na cola: gate lice (piollos da porta), un termo despectivo para ridiculizalos.

O carácter gregario da nosa especie fai que o rabaño acuda a facer o que ve nos demais, aínda que non teña sentido. A onde vas Vicente? Onde vai a xente. Sen máis, sen reflexión ningunha, non chegan a gozar da viaxe. Pode influír tamén a sobreexcitación que provoca viaxar a alta velocidade.

Recórdame ás colas diante das portas dos centros comerciais o primeiro día das rebaixas, aínda que neste caso penso que ese efecto é programado polo establecemento.