
As pingas da choiva esvaraban polo cristal da xanela. E nese recuncho sentín nos pulmóns que o olor a humidade era máis forte. A casa levaba tempo pechada. E velaí, no terceiro andel, estaba o exemplar con cubertas grosas e follas de seda. As obras completas de Rosalía de Castro nunha encadernación de luxo. Devecía por telo nas mans. Con 16 anos acabados de cumprir, trouxéramo papá aquela mañá de febreiro ao saír do hospital. Sabía ben do meu gusto pola lectura e do longa que sería a convalecencia. Tardei un tempo en ler a excelsa creación da escritora pois alternábaa con outras lecturas. Mais, despois da recuperación, aquel libro viaxou comigo a todas as partes. Ata que un día quedou aquí, na biblioteca da casa familiar.
Recordo que daquela lía sen parar. Metida na cama. Paseando. Na cociña. Moreas de voces estendíanse polas estancias. Lía amodo. Inspirando e ulindo os diferentes tipos de papel. Afondando nas palabras. Gozando delas coa luz fresca e natural da mañá. Fora unha convalecencia longa e a lectura o mellor acubillo. A descuberta pausada da vida no silencio dos libros.
Hoxe lembro con nostalxia aquel tempo, malia que fose unha época difícil. A afección pulmonar deixárame sen folgos. Mais estou segura de que o repouso forzado e as obras de Rosalía convertéronme na lectora entusiasta que agora son.
«Rosalía». Acuarela de Belén Rodríguez Pazo