Aí vén o entroido

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, ás portas do entroido, aínda non sabemos por onde andaremos estes días. Se por terras de Ourense, por Cobres, en Pontevedra ou se visitar o Oso de Salcedo. Por suposto que non pensamos perder o enterro do Felipe Filloeiro (o Filipiño), aquí na Barbanza.

O mellor do entroido son os rituais; o bonito son os traxes, as vestimentas, tan distintas unhas de outras, pero ó mesmo tempo tan cheas de colorido e significado, mesturando elementos masculinos e femininos, invitándonos a participar da explosión de vida que trae a inminente primavera, neste novo tempo en que entramos, por iso os Volantes da zona de Chantada saen o domingo despois da misa a pisar os campos, pois, segundo eles, se o Volante non os pisa non nace o froito, en Laza, algúns peliqueiros danzan no camposanto como homenaxe triunfal sobre a morte, e as Madamas e Galáns de Cobres visitan a enfermos e acamados dándolle alento.

As elaboradas roupas herdábanse de pais a fillos, porque, noutro tempo, só podían vestir de Peliqueiros, Felos, Cigarróns, Pantallas, Boteiros ou Xenerais os homes, e ás mulleres estáballes destinada a confección das prendas. Unha confección tan minuciosa que podía durar o ano enteiro. Roupas para as que non servía ir de calquera xeito, porque aqueles, por uns días, investíanse dunha autoridade que ía por encima de todos, ata que a ditadura lles sacou ese privilexio, que só posuían mentres tiñan a careta posta. Lembro un día no que falando con un peliqueiro, acercóuselle un señor maior a increpalo porque tiña a cara descuberta. E non é certo que vaian zorregándolles a todos, senón tan só ós que se interpoñen no seu camiño. Porque ninguén pode interromper o paso da vida.

O entroido é unha festa participativa, e se non participas has de pagar por ilo, como me fixeron pagar en Xinzo por non levar disfrace: unha ronda para media ducia de Pantallas, e en Salcedo o Oso enzoufoume coa cinza da boa ventura.

Para a confección das caretas procúranse materiais nobres, unha madeira lixeira, polo xeral de ameneiro, como a que usa o amigo Manolo Fernández para as de Felo, e logo veñen os flocos, a pelica e a mitra adornada con motivos zoolóxicos. En Viana de Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso as mitras teñen motivos florais e os Volantes aproveitan como pucho o cesto usado na vendima, recuberto de longas fitas de cor. En Xinzo, usan como base da pantalla un sombreiro sen abas, ó que lle cortan o lugar dos ollos e da boca sobre o que logo vai unha capa de papel (periódicos ou revistas) impregnadas de engrudo (unha masa de fariña con auga) e cando seca vén o proceso de pintado como nos teñen explicado Aurora e Santiago, de Arte Arrebol, nun proceso que pode durar un mes tranquilamente.

A máscara é o rostro que se ofrece, por iso o choqueiro (portador de chocas) no momento de cubrir a cara convértese nese feiticeiro que lle pecha as portas ó inverno e llas abre á primavera. E iso si é para celebrar con grandes banquetes, cos cocidos, as bicas, filloas, orellas, melindres e larpeiras.

Hai tantos sitios onde celebrar o Entroido (o Carnaval é outra cousa), que xa estou sentindo mágoa por aqueles lugares que non poderemos visitar.