
A alcaldesa, María Lago, recolleu o premio, consistente nunha escultura de Daniel Caxigueiro
28 feb 2025 . Actualizado a las 17:05 h.O Concello de Muros recibiu hoxe o recoñecemento como Capital Senlleira do Teatro concedido pola Academia Galega de Teatro con motivo da súa ampla programación escénica desenvolvida ao longo de todo o ano 2024.
O vicepresidente da Academia, Eduardo Alonso, fixo entrega do premio, consistente nunha escultura de Daniel Caxigueiro, á alcaldesa muradá, María Lago, á que agradeceu o esforzo económico das arcas municipais na promoción teatral en galego.
A rexedora quixo compartir a distinción «cos grupos escénicos locais e coa veciñanza que asiste e mostra interese polos espectáculos que se programan todo o ano» e considerou o galardón como «moi especial pola tradición de teatro que hai en Muros».
Lago fixo unha mención especial a Madó, encargada durante moitos anos da programación teatral municipal, e tamén a David, quen colleu o seu relevo.
A alcaldesa deixou claro que «a aposta de Muros polo teatro continuará, implicando ademais aos centros educativos como fixemos o ano pasado na Mostra de Teatro Xosé Agrelo, na que todo o alumnado do noso termo municipal asistiu a algunha representación».
Para elixir ao primeiro galardoado, a Academia Galega de Teatro fixo un estudo pormenorizado dos investimentos municipais na realización de actividades teatrais en relación coa poboación e co orzamento xeral do Concello en cultura, tomando como fontes os datos oficiais ofrecidos por distintos organismos públicos como o Ministerio de Facenda, o Instituto Galego de Estatística ou a Axencia Galega das Industrias Culturais, entre outros.