
O infatigable traballador da nosa cultura que é Carlos Callón enfróntase, con amor, á nosa literatura popular no ano no que o Día das Letras Galegas está dedicado ás nosas cantareiras. E faino de xeito ameno, positivo e áxil, o que permite unha doada lectura e fai do libro a obra recomendable para o ensino e para o público do común. Hai na obra moitas lecturas, mais sen o «aparato» académico, o que non empece o rigor e as reflexións suxestivas. Fai tamén este acercamento á nosa tradición oral dende un punto de vista moi persoal, que conxuga á perfección os recordos íntimos, as preguntas, as suxestións e as reflexións. Inclúe, ademais, unha orixinal antoloxía de cántigas e contos. Queda así moi clara a riqueza expresiva, lírica e satírica da literatura tradicional galega.
A obra estrutúrase en 14 capítulos, unha brevísima bibliografía e a escolma. Para o lector é especialmente significativo, ao meu parecer, o titulado A adoración da cinza, unha aguda reflexión sobre a creación da Asociación del Folk-lore Gallego en 1884, a súa visión clasista e arqueolóxica da cultura popular e o papel da Pardo Bazán nesta agrupación: «A cultura que ela só quere para arquivar e deixar de escoitar, a que ansía completar como unha morta ‘‘historia completa del pasado’’, aínda que comezara a experimentar algúns problemas de transmisión, está vivísima». Gocemos pois desa tradición viva, cambiante, eterna.
«Maxicamente vella, eternamente nova»
Carlos Callón
Xerais (Vigo, 2025)
200 páxinas