
O que hoxe coñecemos como ría de Arousa, de igual xeito que as de Pontevedra, Vigo ou Noia e Muros, non foi sempre un mar no que había bateas, no que os barcos pescaban ao xeito, no que hoxe se comeza a practicar deportes náuticos.
Sabemos que o Areoso contén restos arqueolóxicos de mámoas das épocas neolítica e calcolítica, pero non foi porque quixeran facer túmulos funerarios no medio do mar, illados da terra, xa que sería algo fantasioso e propio dos mitos das mouras o de levar esas grandes pedras en barcos ao medio da ría. O mesmo sucede con Sálvora, as illas Cíes ou a de Ons e Onceta.
Hai apenas 4.000 anos podíase ir a pé a todas, xa que o mar tiña un nivel de moitos metros menos de altura, pero tralas glaciacións foi enchendo eses vales de auga ata coñecelos como hoxe os coñecemos, polo que o que nos din do cambio climático e a subida das augas débese relativizar, en tanto, dentro de outros catro mil anos probablemente o mar chegue a Padrón, e moitas das vilas mariñeiras que hoxe coñecemos permanecerán asolagadas polo mar.
Pouco sabemos o que hai dentro das rías galegas, probablemente porque pouco se investigou, e de ser investigado, pouco foi trasladado á cidadanía ese coñecemento, pero seguro que toda a ría de Arousa estaba chea de viñas, socalcos, prados e pedras, á imaxe do que hoxe coñecemos como o interior de Galicia. Non sabemos se había algún castelo, muros de pedra construídos a xunta seca, mesmo se había marcos como hoxe coñecemos. O que si é certo é que non sempre foi mar de Arousa con barcos navegando e pescando, como hoxe.