
O que os organismos internacionais entenden como patrimonio arquitectónico ou patrimonio etnográfico é todo aquilo que ten máis de cen anos, con independencia do que ultimamente ven sendo incorporado por ter un valor documental pola época que representaron, como é a arquitectura moderna e algúns elementos etnográficos como os hórreos de Bergantiños ou a arquitectura modernista.
Para quen non se ilustra na historia da arquitectura, considérase arquitectura modernista a aquela que, como Gaudí, ornamentaba os edificios con elementos vexetais e caras humanas, especialmente de mulleres. Pola contra, a arquitectura moderna é posterior, quitándolle todo ornamento e deixando uns edificios que responden á súa función coa mínima expresión. Racionalismo, pureza, liñas rectas e mínimos elementos para cumprir a súa función.
Pero hai miles de edificios que teñen máis de cen anos e que conforman conxuntos urbanísticos homoxéneos e harmónicos, é a arquitectura común do século XIX e que vemos en todas as vilas e cidades, pero por non estar catalogados ou inventariados, son demolidos para construír no seu lugar outros edificios máis novos e, moitas veces, para incrementar o volume e aproveitamento e, dalgún xeito, especular.
Non podemos catalogar todos os inmobles, pero si podemos incorporar nas leis unha norma que diga que cen anos son suficientes para impedir o seu derrubamento. En Portugal non o necesitan facer, porque aman o seu pasado, e non se lles ocorre botalos abaixo porque representan a súa historia e unha época identitaria. Galicia necesita moita educación identitaria.