Barcos, baixos e faros no Barbanza

Manuel Mariño del Río

BARBANZA

Vista xeral dos molles de Porto do Son, con barcos de pesca e de mercadorías
Vista xeral dos molles de Porto do Son, con barcos de pesca e de mercadorías CEDIDA

As historias dos naufraxios provocados con luces nos cornos do gando son falsas

29 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O tramo da costa máis próxima á bisbarra do Barbanza está inzada de baixos (Meixidos, Xemiela, Bruios, Xorexo, Baia, as Basoñas, Corrubedo,...) que dificultan a navegación e supoñen un evidente perigo de sufrir un naufraxio. Por mor das duras condicións do mar, os habitantes do litoral estiveron relacionados, desde antigo, coa rapina naqueles accidentes. Todos temos oído as historias das falsas luces colgadas dos cornos de vacas para atraer os barcos á súa perda e saquear aqueles que dobraban o cabo Fisterra. Ninguén que teña sobrevivido a un naufraxio puido corroborar esta cuestión. É doado pensar na rapina do cargamento de barcos, pero de naufraxios provocados, non. Pola contra é necesario subliñar os numerosos casos de comportamentos humanitarios e mesmo heroicos para cos náufragos. Así o reflectiron os mariñeiros holandeses do dique flotante Lagos Dock que foron socorridos na praia de Río Maior o 2 de setembro de 1912.

Para facer fronte a esta natureza tan salvaxemente perigosa, os homes de mar trataron de poñerlle remedio desde a metade do século XIX cos faros, edificios referentes nas noites do mar.

Desde a metade daquel século, varios faros axudaron á navegación. Así, desde 1853, o faro de Sálvora daba seguridade marítima na costa. O ano seguinte comezaría a prestar servizo o faro de Corrubedo, a partir do 20 de febreiro. Tiña, e aínda ten, o propósito de chamar a atención dos mariñeiros sobre o elevado risco dos baixos que se sitúan nas súas inmediacións.

Uns anos máis tarde, o faro de Louro iluminaríase por primeira vez o 15 de xullo de 1862 e, desde aquela, vixía a entrada da ría de Muros e Noia desde o monte Louro que, co seu dobre curuto, convida á dúbida e guíaba aos barcos cara á incertidume. Foi este un período de grandes desgrazas tanto de barcos de carga e pasaxe como de pequenas embarcacións de pesca. Entre as primeiras lembramos, o vapor Don Pedro, con 89 falecidos, afundido en 1895; o mercante alemán Salier con 281 vítimas en 1898, ou o transatlántico Larache con 85 falecidos en 1908. Entre as embarcacións destinadas á pesca citaremos o naufraxio das lanchas volanteiras sonenses Juanita e Minerva, con 28 mariñeiros falecidos no ano 1879, ou a volanteira José María, do mesmo porto, con 18 vítimas, en 1893.

Dous novos

No primeiro terzo do século XX fixéronse dous novos faros co propósito de dar maior seguridade no mar aos xa construídos no século anterior. O faro Rebordiño, situado a carón da entrada da vila de Muros, foi inaugurado o 1 de setembro de 1909, e foi concibido para guiar as embarcacións cara ao interior da ría de Muros e Noia. O faro de Ínsua quedaba a medio camiño entre Fisterra e Corrubedo. Entraría en servizo o 25 de outubro de 1912.

Estes faros, aínda que se situaron en lugares estratéxicos para facilitaren a navegación, non sempre cumpriron esta función pois a súa presenza indicaba que a costa estaba preto. Deste xeito é doado supoñer que moitos capitáns ou patróns das embarcacións preferirían non ver luz ningunha en días de temporal xa que un barco estaba máis seguro mar adentro que preto da costa.

Vista xeral dos molles de Porto do Son, con barcos de pesca e de mercadorías