Especies invasoras

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

Que sería de nós sen as patacas que acabaron convertidas en produto autóctono e insubstituíbel dende o punto de vista culinario

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Que sería de nós sen as patacas que acabaron convertidas en produto autóctono e insubstituíbel dende o punto de vista culinario? Que valor ten unha caldeirada, un cocido ou uns ovos fritos sen elas? Aínda estou por ver que algún afamado cociñeiro faga a empanada milla de patacas. Dous produtos foráneos pero tan integrados na nosa dieta coma o lacón con grelos ou a caldeirada de raia.

 

Sen embargo, cando frei Rosendo Salvado agasallou a Montero Ríos cuns exemplares de eucalipto, para a súa finca de Lourizán, onde tiña a garbo coleccionar plantas de todo o mundo, nin se imaxinaba que se abrirían grandes debates sobre a praga en que se converteu o seu cultivo. Naquel momento era unha árbore tan curiosa, que o político contratou a Ovidio Murguía para que llos inmortalizase por medio dos pinceis. E que ben estariamos se non houbese tantos enchéndolle o ollo ós depredadores medioambientais.

A historia da flora e fauna, unhas veces invasora e outras invitada de luxo, remóntase ó principio da humanidade, traendo e levando dunhas terras a outras aquilo que nos parecía máis exótico ou máis necesario. Cos romanos entraron moitas árbores antes descoñecidas, pero igualmente nós trouxemos e levamos a América todo tipo de plantas. Que pasaría se nos sacasen os tomates da dieta ou os kiwis e aguacates para as sobremesas? E agora, coa primavera reverdecendo os campos, dubidamos de ata onde podemos pisar un verme ou arrincar unha flor, cales son dignas de protección e a cales debemos extirpar polo ben da natureza. A lista de plantas e animais foráneos é longa, por aí andan as velutinas, as algas xaponesas ou ese picudo roxo que dende o sur de Asia chegou ata a Barbanza para que as súas larvas acaben con todas as palmeiras.

Hoxe hai unha campaña para erradicar os plumachos oriúndos da Pampa arxentina, que algún día adornaban a mediana da autopista entre A Coruña e Santiago, onde moitas persoas, con grande risco para as súas vidas, paraban para arrincar algunha a fin de engalanar algún floreiro. É o que teñen esas herbas e arbustos alleos, que nun principio parécennos exóticos e acaban sendo unha praga, como as acacias, tan adaptadas a nós que ata as temos por nativas, apreciando esas fermosas flores que tinxen de amarelo as ladeiras barbanzás ó final do inverno. Plantas e animais que, descontrolados, invaden o territorio e atentan contra a fauna e a flora autóctonas, pasou con aqueles visóns que corenta anos atrás, fuxidos das súas gaiolas se convertían en voraces depredadores, ou cos cangrexos roxos, que un día foron introducidos nos nosos ríos e acabaron levando a culpa de exterminar os poucos cangrexos indíxenas que aínda quedaban.

O percorrido é sempre o mesmo, primeiro engaiólanos o exótico, e logo convértese nun problema. Outras veces veñen clandestinamente na adega dalgún barco ou pegados ó casco, como unha inocente herbiña ou un molusco que, en chegando á ría, despréndese e toma posesión do territorio.

Hai uns meses Xulio tróuxonos a mala nova do achado de planarias, unha especie de verme propio do Pacífico, que apareceu en portos asturianos e ameaza con vir cara o oeste, atraídos polas bateas, pois é un insaciábel devorador de ostras e mexillóns, unha das nosas principais fontes económicas.