«Paspartue», a novela que turba e invita á reflexión

Ribeira RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Presentación da novela Paspartue no acto mensual de Barbantia
Presentación da novela Paspartue no acto mensual de Barbantia MARCOS CREO

A obra de Alex Pernas foi presentada no acto mensual de Barbantia, celebrado en Ribeira

26 abr 2025 . Actualizado a las 18:09 h.

Foi o escritor Alex Pernas o protagonista do encontro mensual de Barbantia, que tivo lugar no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira. O autor esbozou detalles da súa cuarta obra, que leva por título Paspartue. Trátase dun volume autoeditado, cunha trama situada temporalmente no século XIX.

Paspartue é unha novela baseada en soños, na que o escritor emprega unha linguaxe cargada de símbolos e alegorías. Explicou o autor durante o acto de presentación que o relato crea unha atmosfera turbadora, escura e opresiva. O que busca e xerar o desacougo no lector para instalo a reflexionar sobre aspectos da trama. Á hora de desenvolver a historia, o seu propósito é chamar a atención do lector sobre determinadas situacións.

Estivo acompañado Alex Pernas pola vicepresidenta de Barbantia, Encarna Pego, e pola secretaria da asociación cultural, Milagros Torrado. Ambas levaron a cabo un monólogo coa obra como protagonista.

Referencias musicais

Alex Pernas, acompañado da súa guitarra, tamén foi o encargado de amenizar o acto, no que os asistentes puideron acceder ás súas anteriores publicacións. Trátase da novela Xafras, o libro de relatos A paga e un volume de lendas que leva por título De entre as tebras.

O escritor fixo referencia aos seus referentes no eido musical e tamén literario nun encontro literario que contou coa presenza do alcalde, Luís Pérez Barral, quen puxo en valor a difusión cultural levada a cabo por Barbantia e o feito de que se fagan actos deste tipo en municipios como o de Ribeira.

Ao rematar, foron varios os asistentes que aproveitaron a ocasión para que Alex Pernas lles dedicara algún dos volumes publicados.