Chega a Barbanza un diluvio de actos culturais

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Elena Fernandez

Concertos, representacións teatrais, proxeccións e presentacións literarias, entre as citas máis destacadas do mes

07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A festa das Letras Galegas xa está en marcha nalgúns concellos de Barbanza, mentres que noutros arrancará proximamente. Para o que queda de mes hai previsto un auténtico diluvio cultural, no que a música tradicional terá gran relevancia. Pero tamén haberá teatro, presentacións literarias e outras actividades.

En Muros, á programación deseñada polo Concello súmase unha nova edición, a décimo sétima, da mostra de teatro Xosé Agrelo. Nas presentacións de ámbolos dous programas, a alcaldesa, María Lago, e as concelleiras de Cultura e Ensino, Caridad González e Laura Rivadeneira, respectivamente, destacaron a variedade de propostas e a importancia que ten nelas a reivindicación da lingua.

Entre as citas destacadas do Mes das Letras figura a ofrenda que o 17 se lle tributará na alameda de Esteiro a Xosé Agrelo, un acto organizado pola asociación O Xeito. A xornada rematará cunha foliada na praza do Mercado, impulsada por Praia do Castelo. Tamén é de resaltar a conferencia que este mesmo xoves (Fábrica de Sel, 20.00) impartirá Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, sobre os falares e cantares muradáns.

A maiores, a programación deseñada polo 17 de maio inclúe representacións teatrais, as actuacións musicais de Brais das Hortas (día 13) e Mamá Cabra (día 17) e presentacións literarias. Alexandre Senande falará o 16 do seu libro Sentinelas no limiar das tebras, mentres que Roberto Mera recalará o 30 coa súa obra sobre Alejandro Viana.

En canto á Mostra de Teatro Xosé Agrelo, o ciclo comezará este xoves da man de Trémola, que ofrecerá unha sesión de contos na Galiña Azul de Esteiro. O resto de funcións, unha ducia, repartiránse entre outros centros educativos do municipio e auditorios abertos ao público en xeral. O Grupo de Teatro Terra de Outes, Aquelando Teatro, Talía, Charo Pita e Fantoches Baj son algunhas das compañías que participan nesa ocasión na mostra.

Estrea na Pobra

O Concello da Pobra festexará as Letras Galegas con exposicións, teatro, presentacións de libros e discos, música e baile. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou a programación, destacando, como obxectivo, «ofrecer propostas pertencentes a todos os xéneros culturais e dirixidas a veciños de todas as idades». As propostas comezarán este venres e prolongaranse ata o día 30.

A primeira correrá a cargo do alumnado da escola Fernández Varela coa súa exposición Da Pobra para o mundo, que será inaugurada ás 12.30 na casa de cultura Raquel Fernández Soler. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, no cine Elma proxectarase a longametraxe As neves. A oferta cultural continuará o día 15 co xogo Coa voz en festa, a cargo de Barafunda Animación, que se desenvolverá de 10.00 a 13.00 polas prazas e rúas da vila.

O 16, o teatro Elma acollerá a presentación do libro-disco Fremosas. Cantigas de amigo e de amor, do grupo Barahúnda. Trátase do quinto traballo da banda e, nel, reúnense as cantigas que foron creando ao longo dos anos, así como outras pezas compostas especialmente para este disco.

No propio Día das Letras Galegas, o Concello daralle todo o protagonismo ás agrupacións culturais da Pobra. A través da actividade Pola vila, de remudas, as asociacións Arrancadeira, Xiada e Eiradela encherán as rúas de música e baile tradicionais. A actividade celebrarase de 12.30 a 14.30 horas.

A do 23 será unha xornada de estrea. Os veciños poderán ver no Elma (19.30) a curtametraxe Adeus, Berta, de Fernando Tato. Tamén haberá un faladoiro co director e con membros do equipo de produción, cóctel, DJ e sesión de fotos.

O programa cultural pecharase o 30 coa presentación do libro gañador do sétimo Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro: Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras.

Andaina en Lousame

Para reivindicar o galego, o Concello de Lousame e a asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme organizaron a andaina das letras, que terá lugar este domingo. Trátase dunha camiñada que inclúe unha exposición coa que se pretende homenaxear e poñer en valor a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, para o que se leva tempo solicitando que se lle dedique un Día das Letras Galegas.

Esta ruta é unha iniciativa familiar, aberta a todos os veciños. Consistirá nun percorrido de cinco quilómetros, con saída e meta no adro da igrexa de Fruíme. Cada 500 metros, as persoas participantes poderán ver unha lámina sobre a vida e obra do escritor local.

Aínda que a actividade é gratuíta, precísase inscrión previa a través de www.bandoticket.com.