A curiosidade por obter coñecemento sobre o lugar onde nacemos acompáñanos, case desde o momento que somos conscientes, para saber onde nos encontramos e con quen estamos compartindo vida, máis aló do noso núcleo familiar.
Paisaxe, patrimonio artístico-cultural no que se inclúen ruínas de castros, igrexas, capelas, conventos, cemiterios, muíños de auga, hórreos, pombais, fontes, lavadoiros, muros de pedra para definir límites, pozos de auga para regar leiras de cultivo... forman un catálogo importante que define ós que habitamos esta comarca farturenta de auga doce e salgada, de ríos, ría e océano. Neste catálogo debemos incluír a nosa fala, común e diferente, en acento e ton, á de outras partes do país, o cal non fai tanto tempo, coñecíase como o Antigo Reino de Galicia, cunha flora e fauna propias dunha natureza desbordante, tanto na terra como no medio mariño, obxecto de atención e coidados por quen vivimos e gozamos deles.
Os colexios da comarca deberían contar coas ferramentas necesarias para transmitir este coñecemento aos nenos e nenas, e para iso é necesario formar os nosos mestres en patrimonio artístico-cultural, lingüístico e de transmisión oral, onde as lendas e a música van da man. Autores como Francisco Javier Crugeiras, autor e editor da publicación xa esgotada Historia de Carreira, mantén a páxina web www.carreira.info para facer universal a súa obra e para aqueles que o desexen poidan alimentar a curiosidade sobre o lugar no que viven e viviron os seus devanceiros. Se mantemos a memoria viva, manteremos a identidade.