O balón do Mundial 2002

BARBANZA

Ese do gol de Morientes a centro de Joaquín

12 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son xogador de voleibol. Sábeno os que me coñecen, e incluso a algún que non me pon nome sóalle a miña cara de andar por aí co pantalón do Boiro. A cuestión é que non nacín cunha rede debaixo do brazo. De feito, ninguén da miña familia coñecía o deporte ata que eu empecei a ir por aí adiante fin de semana si e fin de semana tamén co tema do voleibol.

Como as mellores relacións de amor o meu coa disciplina comezou cunha casualidade que ben se pode cualificar de absurda, porque o é. Pasou debido a un deses amigos da infancia que ao final rematan por quedar no esquecemento cos anos. O asunto foi que un día apareceu cun balón na praza na que xogabamos a diario, algo normal naqueles tempos e nese contexto infantil.

De feito, era tan común que era de fútbol, ese gran deporte no que todo o mundo cre que é bo, incluso cando se empeña en demostrar o contrario cada vez que o practica. O balón era o do Mundial do 2002, ese do gol de Morientes a centro de Joaquín. A peculiaridade dese esférico, ademais de que apareceu de xeito misterioso no seu patio, era que tiña o tamaño dun de balonmán, o que dificultaba o xogo cos pés.

Ante a nosa falta de calidade optamos por pasárnolo coas mans coa consigna de que perdería aquel ao que lle caese ao chan. Pasaron os días e o xogo seguía sen máis ata que un adulto intercedeu. El nin de broma recorda o que me propuxo, pero cambioume a vida de xeito radical. O tempo doulle a razón. Era boa idea ir probar o voleibol, que en Boiro había un equipo bo. De aí en adiante, supoño que a maxia do deporte fixo o resto.