
A estas alturas do ano dá comezo o conxunto de festas do verán, que en Galicia chega ata o San Froilán
13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A estas alturas do ano dá comezo o conxunto de festas do verán, que en Galicia chega ata o San Froilán. Como se leva facendo dende hai moitísimos anos, anúncianse coa botada de foguetes, que se usan tamén para outros ritos festivos. Non pode haber festa sen foguetes, tampouco sen gaiteiros. Sen o seu son, o silencio apodérase da alegría e converte a conmemoración nun funeral. Pero hai algúns concellos que os prohibiron para contentar aos animalistas que din que o ruído prexudica aos cans, e os votos son os votos.
Penso que é unha frivolidade que vai en contra da tradición e ignora o patrimonio inmaterial que posúe Galicia e o seu valor simbólico e emocional. As festas son actos de memoria colectiva, de identidade compartida, de continuidade cultural.
Eliminar os foguetes porque molestan aos cans é unha mostra de falta de vontade para buscar o equilibrio. Acaso non se poden aplicar medidas para protexer aos animais sen ter que sacrificar elementos esenciais da nosa cultura? Moitas destas festas sobreviven grazas ao sentimento de pertenza que esperta en quen as organiza e en quen as vive. Se lle quitamos a chispa —nunca mellor dito— quedan deslucidas, como espectros do que foron. Claro que os tempos cambian e hai que adaptar costumes, pero adaptación non é destrución. Defender os foguetes non é estar contra os animais, é estar a favor da nosa historia viva.
Os foguetes e os gaiteiros son linguaxe sonora da festa galega. Se calamos esa voz, quedamos máis pobres, máis mudos. Antes de prohibir, cómpre reflexionar. O que perdemos polas présas, mañá pode ser irrecuperable.