
O vindeiro 17 de maio cumpríranse 162 anos da publicación de Cantares galegos da insigne poetisa Rosalía de Castro
14 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro 17 de maio cumpríranse 162 anos da publicación de Cantares galegos da insigne poetisa Rosalía de Castro, que daría pé ao Rexurdimento, movemento literario, cultural e de compromiso coa recuperación do idioma para revitalizar a nosa identidade, propia e diferenciada doutras nacións, con ou sen estado. Coincidía que nese intre estaba en pleno auxe o Romanticismo en Europa.
Na proposta dos académicos da Real Academia Galega (RAG), Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, realizada un 28 de abril de 1963, instaurárase o 17 de maio como Día das Letras Galegas. Non eran tempos doados para realizar suxestións fóra das liñas dun réxime militar que aguantou gobernando en España corenta anos. Pero aquela RAG, formada por intelectuais sólidos, non deron un paso atrás e comezouse a facer liturxias en galego co apoio da igrexa e a publicar na lingua proscrita, pero nunca esquecida. Afortunadamente, encetamos xa o primeiro cuarto do século XXI e moitas cousas cambiaron en Galicia e nas comarcas de Barbanza, Noia e Muros.
Ese día, veciños dos concellos, parroquias e de diferentes lugares sairán á rúa para celebrar con música, teatro, romarías, exposicións o compromiso coas nosas raíces para recuperar o prestixio do noso idioma e dicir que é útil, para insistir diante das familias que sigan educando ós fillos en galego, para reclamar á Xunta unha política educativa onde se manteña o uso do idioma entre os xoves, para educar en galego aos que veñen de fóra. Será un día para que todos lembremos a importancia do noso.