Oito deportistas de clubs barbanceses participarán en Bulgaria na President's Cup

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Franco, Piñeiro, Sesar, Videla, Abeijón y Carou, en Bulgaria.
Franco, Piñeiro, Sesar, Videla, Abeijón y Carou, en Bulgaria. CEDIDA

Carla Sesar, Tomasa Franco, Víctor Videla, Ainara Piñeiro e Daniel Abeijón, do Natural Sport; Manu del Río e Adrián Salanova, do Maniotas, e Alma Pérez, do Costado Taekwondo Boiro, competirán neste prestixioso torneo

16 may 2025 . Actualizado a las 20:21 h.

Un total de oito deportistas de clubs barbanzáns viaxaron a Bulgaria para participar na prestixiosa competición President's Cup. O Natural Sport aporta un total de cinco, con Carla Sesar, Tomasa Franco e Víctor Videla en júnior, mentres que en cadetes loitarán Ainara Piñeiro e Daniel Abeijón. Como adestrador acudirá Pablo Carou, que viaxou directamente xunto con Abeijón desde Fujairah, onde o pequeno barbanzán disputou o mundial e no que caeu na primeira rolda nun combate moi axustado.

Cabe destacar que Ainara Piñeiro, que ao igual que os seus compañeiros acode representando á selección galega, formará parte deste torneo con tan só 11 anos. No Natural Sport deséxanlle moita sorte a todos os seus integrantes, que xa están en Sofía.

Tamén estará representado o Maniotas de Noia, no seu caso con dous deportistas. Por unha parte, Manu del Río pisará o tapiz defendendo as cores de Galicia, namentres Adrián Salanova o fará como membro da selección española. No club noiés recordan que esta cita outorga prazas para o campionato de Europa sub-21 e tamén un bo puñado de puntos para a clasificación mundial e olímpica e, por ese motivo, «están os mellores».

Ademais, co combinado nacional, participará na President's Cup a boirense Alma Pérez, do Costado Taekwondo Boiro. A deportista está completando un gran ano, no que xa obtivo dúas medallas internacionais, concretamente nos abertos de Holanda e Canadá, ás que tamén suma outros grandes resultados como son o terceiro posto no Open de España ou outro ouro no nacional universitario.

«O seu crecemento competitivo e madurez deportiva consolidárona como unha firme candidata para representar a España en futuras citas internacionais de máximo nivel», resaltan no club boirense.