
Pasou o día e pasou a romaría, pero a celebración das letras non acaba con un día de festa, como non acaba a reivindicación da fala, que unha vez máis lembro que deberíamos celebrar cada 18 de maio, aniversario da creación das Irmandades, e así, con dous días temos reivindicado o idioma: as letras e a fala. Os dous piares que o sosteñen para que non quede coxo. Aínda que este ano, co protagonismo dado ás cantareiras, intérpretes da poesía popular, cantada ou recitada, adiantouse o que sería unha celebración máis propia do día 18, a pesar de que, segundo parece, esqueceron lembrar os regueifeiros, brindeiros e demais poetas populares cunha capacidade creativa e interpretativa como moi poucas veces se dá.
E agora a pensar no vindeiro ano. Dentro duns días a Real Academia Galega decidirá quen vai ser a persoa representante das letras para que biógrafos e editoriais, con afán comercial, se poñan mans á obra e todos empezaremos a facer apostas e propostas dando razóns de peso para que se honre a fulano ou fulana, cada quen tirando para os seus e sempre que leve máis de dez anos fóra deste mundo. E eu, que sen ter voz nin voto nesta elección tamén teño preferencias, xa sexa por amizade ou por outro tipo de simpatía, nestas datas sempre me lembro deses amigos con quen teño compartido charlas e lecturas, e agora xa non están entre nós.
Lembro a Riveiro Loureiro e a súa bonhomía, un home que tocou moitos oficios, na terra, no mar e na emigración, pero sobre todo que nos deixou unha grande cantidade de obras tanto de narrativa como de teatro, moitas delas recoñecidas con importantes premios, falando sempre dos menos favorecidos da sociedade. A Xosé Fernández Ferreiro, quen non só foi un escritor recoñecido con distintos galardóns, senón tamén un innovador (a el debémoslle a primeira novela de vaqueiros en galego e con protagonista galego), de quen no vindeiro 16 de decembro se cumprirán os dez anos do seu falecemento.
E que me perdoen tantos e tantas que por razóns de espazo non podo incluír neste breve apuntamento; mais, por facerlle caso a este corazón barbanzán, non podo esquecer a Pepe Agrelo, quen, ademais da obra escrita que nos deixou, foi o artífice de distintos grupos de teatro que permanecen na nosa memoria, e máis de un que aínda sube ós escenarios. Agrelo tamén entendía que o idioma son letras e fala.
E como nos iamos esquecer do cura de Fruíme, esa reivindicación que dende Lousame se espalla por toda a bisbarra. Diego Antonio Zernadas e Castro, que aínda que nacido en Compostela deixou unha profunda pegada na Barbanza, sobre todo polo profundo interese pedagóxico que tivo preparando pequenos textos teatrais para que os seus fregueses, ó tempo que se divertían aprendesen sobre as cousas da vida e tamén da relixión que el defendía.
Como a esperanza é unha porta ó porvir, calquera que sexa a vindeira persoa homenaxeada, benvida sexa, mais eu, como veño reivindicando ano tras ano, sentiríame máis satisfeito se coas letras tamén se botase un aturuxo pola fala, non vaia ser que por coincidir o 18 de maio co día dos museos acabemos celebrándoo dentro dunha vitrina.