Ciencia, literatura, arte

ROMÁN ARÉN

BARBANZA

CEDIDA

Vén de acadar o XXVI Premio Ánxel Fole o noiés Agustín Agra (1966) co seu noveno libro

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén de acadar o XXVI Premio Ánxel Fole o noiés Agustín Agra (1966) co seu noveno libro, unha novela curta de ton lírico, moi ben escrita, co foco posto na ciencia e na arte. Contada dende o punto de vista de Fátima, que se dirixe a McClaunasey para falar da desaparición da terceira das amigas, Sofía, perdida nun parque natural de Suecia, quizais deixando pegadas para ser atopada. Antigas amantes, Fátima non cre na posibilidade de dar con Sofía, mais unha viaxe a Lisboa, onde visita unha fermosa exposición de fotografía e cre recoñecer Sofía nas imaxes: «Se estou no certo, Sofía está de volta».

Memoria, beleza, aventura e saudade. De doada lectura, a novela estrutúrase en seis partes onde o autor sabe mesturar o amor pola ciencia e o amor pola natureza, descrita dun xeito sensible, mesmo amosando empregar o haiku: «Cantos na noite. / O tordo anda insomne: / Luz do norte».

Con este Premio Ánxel Fole, Agustín Agra que xa gañara o Avilés de Taramancos, o Merlín e o Modesto R. Figueiredo, sobe un chanzo máis na súa andaina narrativa, cun estilo depurado, coa forza de síntese, coa acaída descrición da natureza, na que une o coñecemento do biólogo coa sensibilidade do artista.

Vinte anos de escrita narrativa que amosan o crecemento dun autor.

«Libro das contrarias»

Agustín Agra

Xerais de Galicia (Vigo, 2025)

89 páxinas