O BNG avoga pola formación en carpintaría de ribeira para garantir o relevo xeracional

La Voz RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Ana Pontón anunciou dende o estaleiro de San Ciprián, en Outes, que levará ao Parlamento unha moción para a creación de cursos que ensinen o oficio

30 may 2025 . Actualizado a las 14:59 h.

O BNG levará ao Parlamento de Galicia a necesidade de implantar a formación en carpintaría de ribeira co gallo de garantir o relevo xeracional na profesión. O anuncio fíxoo Ana Pontón na súa visita ao estaleiro de San Ciprián, en Outes, dende onde puxo o foco no valor dun oficio que considera que se está a perder, en parte, pola falta de implicación das administración.

Durante a cita, a portavoz nacionalista aproveitou para reunirse con representantes de empresas do sector para coñecer de primeira man as súas inquedanzas: «A reparación e a construción de barcos é unha actividade industrial moi importante para este concello, pero tamén creo que é un servizo clave para un dos eixos económicos máis importantes que ten toda a costa do noso país».

Por isto, Pontón anunciou que levará ao Parlamento para o seu debate a creación de cursos educativos específicos acerca de la construción artesanal de barcos: «Creemos que sería importante que no ámbito comarcal houbese unha formación vinculada á carpintaría de ribeira e á metálica, porque iso permitiría o relevo e que os mozos poidan ver aquí unha oportunidade ao tempo que se pon en valor o que significa este traballo. É unha forma de atraer xente nova a este sector, no que é importante que tamén se aposte pola innovación nos procesos».

Ademais, a líder do BNG tamén fixo referencia á convulsa situación política pola que pasou Outes co cambio de executivo, do que se caeu o edil nacionalista Anxo Núñez: «O BNG segue co compromiso intacto de traballar polos veciños. Demostramos no noso paso polo goberno municipal que temos capacidade para transformar en positivo. Imos seguir afianzando a organización para continuar medrando e facer ver que temos un proxecto que pode mellorar o futuro de Outes»..