
Natural de Queiruga, Porto do Son, nada en 1960, exerceu en primaria e secundaria e converteuse nunha especialista en literatura infantil e xuvenil galega
31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Natural de Queiruga, Porto do Son, nada en 1960, esta mestra exerceu en primaria e secundaria e converteuse nunha especialista en literatura infantil e xuvenil galega, aínda que tamen editou traballos sobre outras temáticas. Pilar Sampedro é membro do Ateneo de Santiago e da A. C. Barbantia, colaborou en revistas como Raigame, Revista Galega de Educación, Fada Morgana, Eduga e en Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza.
Vicepresidenta de Galix e membro do Padroado Neira Vilas, en 1995 publicou o volume Aproximación didáctica á obra de Antón Avilés de Taramancos, en colaboración con Xosé Agrelo Hermo, mais tamén editou Tres capitáns de tempos idos do poeta noiés e foi coautora do volume Aproximación didáctica á obra de Francisco Añón.
O seu labor en Galix foi básico para a edición da Guía de literatura infantil e xuvenil non discriminatoria 2005-2007 e da Guía de Literatura Infantil e Xuvenil para a Igualdade (2019). É comisaria de exposicións como 100 anos de literatura infantil galega e Literatura infantil e xuvenil galega para a paz, ademais de exercer a crítica literaria e a crítica de arte.
En 2023 publicou outra útil guía: Memoria histórica na LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega), que foi reeditada en 2024.
Ten escrito tamén sobre Uxío Novoneyra e Xosé Agrelo Hermo ademais de publicar ensaios como Cartas dende o confinamento (2020) ou Pensar a realidade na rede na Biblioteca Virtual Egeria.