Antigamente, a voz melódica abrollaba de xeito espontáneo en calquera labor cotián, fundamentalmente aqueles relacionados co sector primario da nosa economía. A palabra, o canto, estaba integrada na vida diaria, inseparable, formaba un binomio irrenunciable e absolutamente vencellado con actividades relevantes, tales como a sega, o pastoreo... Realmente era a loita constante na procura da felicidade forzada ante a crueza da vida.
Neste 2025, a RAG decidiu dedicar as nosas Letras ás cantareiras, concretamente a Adolfina e Rosa Casás, Asunción e Prudencia Garrido, Eva Castiñeiras e Manuela Lema, unha homenaxe que tamén pretende recoñecer a oralidade do pobo en xeral, e tamén, por extensión, a todos os que recolleron esa inmensa riqueza sonora.
Pandeireteiras de Mens, e tantas outras que foron transmitindo ese legado que elas mesmas recibiron do seus antepasados, as súas achegas, coa colaboración dese colectivo na maioría anónimo, que de forma altruísta viaxou por toda a xeografía galega e recolleu toda esa sonoridade que de xeración en xeración era transmitida persoalmente. Entre esas persoas relevantes na recollida, é de cita obrigatoria Dorothé Schubarth quen, coa colaboración de Antón Santamarina, deixou ese documento imprescindible para a música de noso que é O cancioneiro popular galego. Sete volumes onde encontramos muiñeiras, xotas, alalás... Despois de Dorothé, as recollidas continuaron, a música seguía escoitándose día a día, principalmente na Galicia rural. As pandeireteiras de Mens son un claro exemplo, mais a súa música tamén chegou a cidades e auditorios.
Na actualidade temos grandes referentes deste proceso: Fuxan os Ventos, Leilía, Xabier Díaz, e un numeroso elenco de artistas que levan o noso patrimonio musical a calquera recuncho da terra.
Estes intérpretes son un exemplo para que milleiros de nenas e nenos coñezan e participen da música de noso.Na actualidade son incontables as agrupacións e asociacións que seguen poñendo en valor e divulgando todo ese legado. E nestas agrupacións e asociacións está asegurada a continuidade da nosa música.