
Asemana pasada, o catro veces campión do mundo e catro veces campión de Europa paralímpico en taekuondo recibía o cariño dos seus veciños de Castiñeiras e de toda Ribeira no auditorio municipal, ateigado de persoas dispostas a dicirlle a Álex Vidal grazas por levar o nome do seu concello, de Galicia e de España polo mundo e grazas por servir de exemplo a toda unha mocidade que busca nas artes marciais un camiño para rachar cos límites, sexan os que sexan.
Esa é unha das características, quizais a máis destacable, destas disciplinas onde a primeira competición establécese con un mesmo, explorando as fortalezas e debilidades propias, cara a deseñar unha estratexia que faga superar cada eiva que se encontra no camiño. Non é un itinerario fácil e debe facerse na compaña dun mestre, que vai máis aló da figura do instrutor, onde o coñecemento da técnica da arte en práctica vai acompañado da psicoloxía e da empatía co discípulo.
Juan Luís Martínez, o seu mestre-adestrador, soubo ver no de Castiñeiras eses valores que atesouran os campións. E, así, emprenderon o labor de crear escola. Seguindo as ensinanzas do xeneral coreano Choi Hon Hi, quen buscou a fusión de técnicas da arte marcial coreana taekkyon e do karate xaponés no ano 1955, aínda que as súas raíces remóntanse ao século I antes de Cristo. Abandonar a competición non quere dicir deixar a práctica da actividade, polo que se debe aproveitar o coñecemento adquirido polo atleta ribeirense para seguir formando e formándose na arte de ensinar ás novas xeracións para seguir evolucionando no taekuondo.