Xerardo Agrafoxo documenta na súa Prehistoria e arqueoloxía da Terra da Barbanza o castro dos Castelos, formado por un pequeno outeiro de penedías: «No lugar dos Castelos debeu haber un castelo medieval con varias fortificacións construído sobre un castro».
Fernando Cabeza Quiles recolle na súa obra Toponimia de Ribeira a descrición desa elevación do terreo, situada no lugar da Graña, pertencente á parroquia de Aguiño, onde se erixe un miradoiro que domina toda a ría de Arousa, alcanzando a vista ata o cabo Silleiro, topando polo medio as Illas Cíes, cara o suroeste. Polo norte queda o Atlántico, as dunas de Corrubedo, Carreira, o castro da Cidade diante da Curota, o monte Tahúme, o Teira, asentamentos onde os nosos devanceiros fixeron vida.
Falou Antonio Parada, mariñeiro, fotógrafo e naturista, de que nese xacemento apareceron vestixios, tanto arqueolóxicos como moedas, que demostran que alí houbo algo.
O Camiño de Santiago A Orixe, no itinerario de Corrubedo a Aguiño, bordea este miradoiro, no que se asentan na súa parte superior dous bancos de pedra e embaixo, xa no chan, unhas mesas de madeira, con bancos onde o camiñante pode tomar repouso para contemplar a panorámica da costa e da ría, tendo coidado de non agarrarse a unha varanda de ferro, rota desde época inmemorial e sen reparar desde aquela.
Non hai papeleiras onde deixar os residuos, nin tan sequera un pequeno letreiro que indique onde estamos e que vemos. A sinalización, que desde a estrada dirixe ao enclave segue rota polo que máis que ler, o camiñante, supón o que quere dicir.