Malditas rebaixas!

Tomás Estévez

BARBANZA

Rebajas
Rebajas Jesús Hellín | EUROPAPRESS

Desde que se liberalizou o calendario oficial, cada empresa aplica descontos cando quere

02 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai maldicións que quedaron na historia: a do faraón exipcio Tutankamón, a do diamante Hope ou mesmo o da obra Macbeth, que moitos actores se negan a pronunciar en voz alta. E despois está a desregularización das rebaixas, esa condena moderna que obriga ao pequeno comercio a vivir atrapado nun ciclo de descontos permanentes que acabaron por perder o seu sentido e beneficio. Agora debería chegar o período das rebaixas de verán, pero desde que se liberalizou o calendario oficial, cada empresa aplica descontos cando quere, como quere e polo tempo que lle interesa, o que acabou por desvirtuar por completo estes períodos. O que inicialmente parecía unha medida flexibilizadora converteuse nunha trampa para o comercio local, que non ten marxe para competir con políticas de descontos continuadas.

Pero ós últimos datos din algo esperanzador: segundo un informe sobre o mercado da moda en España, no 2021 os produtos rebaixados representaban o 53,7 % do valor total das vendas, mentres que os artigos vendidos a prezo completo representaban o 46,3 %. No 2024 esa situación cambiou de forma radical: os produtos vendidos a prezo completo supoñen xa o 65,1 % do valor total, mentres que os artigos con desconto caeron ao 34,9 %. O cliente xa non espera ás rebaixas nin confía nelas como antes; prefire mercar cando quere, pagando máis se percibe valor no produto.

Esta tendencia é unha oportunidade para o pequeno comercio, para non verse obrigado a entrar nunha guerra de descontos permanentes que lle esgota as marxes e que xa non atrapan ao cliente. Por iso, é imprescindible recuperar un calendario común de rebaixas a nivel nacional, con períodos ben definidos e iguais para todos, onde as campañas teñan un sentido real e os descontos sexan puntuais e atractivos.

Dende as asociacións de comerciantes apostamos por esta vía, pero sen renunciar a realizar campañas puntuais de descontos controladas, planificadas e realmente útiles para o comercio e para o consumidor. En Galicia temos exemplos que funcionan, como os Bonos Activa do Comercio da Xunta ou as Noites Abertas. Estas iniciativas mostran que é posible combinar descontos reais nun contexto concreto e atractivo, sen perverter ao mercado nin obrigar ao comercio a unha guerra continua de prezos baixos.

Desta forma, durante o resto do ano, o comercio poderá vender a prezo completo, fortalecendo a súa sustentabilidade e recuperando o valor do produto e do servizo. Cando chegue o período de rebaixas, estas volverán ser un incentivo real para o consumidor e unha ferramenta válida para o comercio. Porque o valor do comercio local está noutro sitio: na atención, na proximidade, na confianza e na vida que dá as nosas vilas. E iso, simplemente, non se pode rebaixar.