A Térmica

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Exposición de Sorolla en La Térmica Cultural de Ponferrada
Exposición de Sorolla en La Térmica Cultural de Ponferrada - | EFE

22 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

central térmica de Ponferrada, unha vez suspendida a súa actividade industrial, foi transformada en La Térmica Cultural, un espazo innovador dedicado á cultura. Trátase dun contedor artístico no que se acollen exposicións permanentes e temporais, xornadas, conferencias, concertos e múltiples eventos culturais. O máis destacado é que non se derrubou a súa estrutura orixinal: mantéñense a cuberta, os espazos interiores, as columnas de formigón, os tubos, os ferros á vista e incluso a maquinaria antiga, a borralla e a chatarra.

Exhibir unha colección de cadros de Joaquín Sorolla entre restos industriais pode parecer arriscado, pero resulta ser unha aposta estética singular. O contraste entre a finura das súas pinceladas e a rudeza do espazo crea unha experiencia visual impactante, que outorga personalidade propia á mostra e fai que o visitante a viva dunha maneira diferente, máis intensa e memorable que nun museo convencional.

Esta liña de intervención, que aposta pola recuperación do patrimonio industrial sen borrar a súa memoria, é cada vez máis común. Exemplos como o Matadero de Madrid, o High Line Elevated Park de Nova York, o Great Wall Museum of Fine Arts en China ou a Casa da Arquitectura de Matosinhos amosan que é posible darlles novos usos a vellos espazos sen esquecer o seu pasado. Conservar estes edificios é tamén conservar a memoria colectiva e a dignidade de quen os construíu e os fixo funcionar. Tamén supón manter viva unha parte da historia construtiva, igual que se fai con un centro urbano medieval. Non podemos borrar anacos da nosa historia.