
As mocións de censura non deixan de ser matrimonios de conveniencia que manteñen como fin desbancar a quen nese momento ostenta o poder
06 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As mocións de censura, en calquera das Administracións que se manifesten, non deixan de ser matrimonios de conveniencia entre varias organizacións políticas que manteñen como fin desbancar a quen nese momento ostenta o poder, baixo o argumento de que os conxurados poden facelo mellor. A comarca de Muros-Noia vai vivir dúas, unha case seguida da outra, a realizada no concello de Outes, onde o PP co voto dun tránsfuga do PSOE desbancou o anterior rexedor de Compromiso Outes, e si é que non acontece nada estraño de aquí ao 11 de agosto un desertor das siglas do PP fará alcalde a un concelleiro do PSOE. Parece que a vinganza está servida.
Estamos a metade do mandato e aínda podemos ser testemuñas doutras accións deste tipo, tanto en Galicia como no Barbanza. Ou non, que diría un ex presidente galego natural de Pontevedra. Os ollos miran cara á a Ribeira. A crise producida entre o goberno municipal e Portos permitiu ver desafección entre o BNG, PSOE e o PBBI, ratificada no pleno celebrado o pasado 28 de xullo, onde estes reclamaban ós seus socios de goberno, atenderan o límite de gasto. É dicir que os 302.000 euros destinados no 2024 a subvencións non se converteran en 353.000 no 2025.
Resultado: non se aprobou este punto, votando xuntos PP e PBBI, provocando unha nota de prensa desta organización onde subliñan que «as entidades non deben ser vítimas do cálculo electoralista nin do xogo político partidista». A sintonía entre Mariola Sampedro e Vicente Mariño de Bricio, antigos compañeiros de partido, induce a pensar que algo pode ser que se estea cocendo.