As lobeiras asolagadas

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34’, 8 N

BARBANZA

Imagen de archivo de la ría de Arousa.
Imagen de archivo de la ría de Arousa. CARMELA QUEIJEIRO

12 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas rías galegas hai moitos nomes de pedras e lugares referidos ós lobos. Pero que ninguén pense que o zootopónimo que as define refírese aos lobos cannis lupus gallaicus, senón máis ben aos lobos mariños otaria flavescens, ben coñecidos polos galegos navegantes por tantos mares. Animais que posiblemente chegaran ata aquí cando as augas non estaban tan quentes como agora.

Hai uns días, un amigo que vive en Palmeira, nas Rebaleiras, desde onde outea case toda a ría de Arousa, comentábame que, coa marea chea, xa non se ve a pedra Lobeira Grande, a que se atopa a pouco máis de media milla ó noroeste da illa de Rúa. Fixeime e decateime de que é totalmente certo. Todo máis sábese que está alí pola lixeira rompente que lambe a súa testa. «Acaso encolleu a pedra?», comentoume o amigo a xeito de broma, pois ben sabe el que se trata dunha consecuencia visible do cambio climático.

A verdade é que se trata dun exemplo palpable —para aqueles escépticos, que aínda os hai— do que supón o aumento do nivel do mar como consecuencia do chamado efecto invernadoiro.

O mar estase a quentar a un ritmo imparable. Os estudos máis conservadores falan dun incremento do nivel dos océanos de 25 centímetros desde o ano 1901 ao 2018, e de 7,5 centímetros no período transcorrido entre os anos 1993 e 2017. E se este último incremento comprobado sucedeu en tan só 24 anos, tendo en conta a enorme e imparable expansión térmica que fai aumentar o volume da auga e provoca o derretemento dos glaciares, os científicos (que non sexan parentes dalgún famoso político) dinnos que non podemos descartar que o nivel do mar aumente en máis de metro e medio! de aquí aos vindeiros vinte anos.

Cando a ola comeza a ferver, non nos queda outra que baixalo lume e quitar o testo do efecto invernadoiro, se non queremos que a auga reborde e transforme por completo o litoral que hoxe coñecemos. Tal e como acertadamente me comentou o meu amigo, hoxe é a Lobeira Grande a que non se ve coa marea chea. Mañá, a céntrica e peonil rúa de Galicia de Ribeira posiblemente terá que volver a chamarse rúa de Venecia, e con moita razón.