Médulas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Las consecuencias del incendio en Las Médulas mirador de Orellán.
Las consecuencias del incendio en Las Médulas mirador de Orellán. Óscar Cela

«Non nos enganemos: estas zonas son auténticos polvoríns, pirófitas por natureza, con eucaliptos, piñeiros e matogueira cubrindo boa parte do territorio»

19 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O incendio que sufriu As Médulas deixa moitas sombras e máis dun interrogante aberto. O parque, ademais de ser Patrimonio da Humanidade, está inzado de soutos con castiñeiros centenarios. Estes xigantes verdes crean unha cuberta espesa que non permite que a matogueira medre no chan, reducindo de forma natural o risco de lume. Ademais, a madeira do castiñeiro non arde con tanta facilidade como a doutras especies. Por iso resulta difícil comprender como puido prender con tanta intensidade. Se no canto de castiñeiros houbera piñeiros ou eucaliptos, o escenario encaixaría máis co patrón habitual dos nosos incendios.

No que vai de ano, comarcas como Barbanza, Noia, Muros ou a Costa da Morte parecen librarse, polo de agora, das lapas reincidentes. Pero non nos enganemos: estas zonas son auténticos polvoríns, pirófitas por natureza, con eucaliptos, piñeiros e matogueira cubrindo boa parte do territorio. Só fai falta a combinación perfecta de humidade baixa, vento e altas temperaturas, e a man dun incendiario, movido por intereses ou pola fascinación de ver arder o monte, para que todo se perda en horas.

Levamos décadas repetindo o mesmo: é urxente ordenar o monte. Ano tras ano caemos na mesma trampa. Só reaccionamos cando o lume ameaza as casas, coma se a perda do bosque non fose xa unha traxedia. Estamos desertizando o noso país a fogo lento, sen aplicar medidas de prevención efectivas, sen afrontar de verdade o problema, sen coller o touro polos cornos e mudar un modelo forestal que, mentres siga así, alimentará cada verán a mesma desgraza.