
Hai uns días fíxose viral unha imaxe do territorio queimado en Madrid, concretamente en Tres Cantos, un oasis no medio do deserto negro, onde unha árbore resistiu arrodeada de campo sen queimar e animais refuxiándose da traxedia baixo a súa copa.
O que parece unha paisaxe planificada, unha área salvada das lapas polos bombeiros ou mesmo un cadro surrealista, é unha escena real que convida a facer unha fonda reflexión de cara ao futuro do mundo rural.
Antes do incendio, as vacas buscaban a sombra baixo esa árbore durante a vaga de calor que nos caeu enriba, alimentándose da vexetación que tiñan á man. Grazas a iso, o chan quedou tan limpo que non resultou atractivo para o lume, que pasou de longo para o outro lado.
Está amplamente demostrado que os montes nos que hai animais soltos non arden. Os cabalos, as vacas, as ovellas e as cabras encárganse de limpar os montes sen custo ningún para as arcas públicas. Limpar o monte con gando pacendo é dez veces máis barato que rozalo mecanicamente. Así o argumentou Rosa Mosquera, profesora da Universidade de Santiago especialista en sistemas agroforestais, a este xornal.
Basta botar unha ollada ás serras da Capelada ou Sabucedo para ver como os montes con cabalos soltos non arden. Nesa liña encaixan os proxectos da Fundación RIA na serra de Barbanza, onde hai montes limpos e resilentes con gando solto, que posteriormente pode ter máis utilidade. A ver se os políticos len estas reflexións e deixan de discutir parvadas entre eles e botarse as culpas os uns aos outros, e por fin se poñan a traballar. Que para iso lles pagamos.