Julián Bustelo: «Os rianxeiros estamos esperando todo o ano por esta semana»

BARBANZA

O rexedor resalta o espírito acolledor do seu pobo, que fai sentir aos que veñen de fóra como «un máis» nesta festa con maiúsculas
16 sep 2025 . Actualizado a las 11:00 h.A Guadalupe é unha festa con maiúsculas que os rianxeiros levan na pel e viven dun xeito moi particular. Todos. Maiores e pequenos. De feito, non é sinxelo explicarlle a alguén de fóra do pobo o que se sente nestas datas. Da igual o tempo que faga ou as orquestras que actúen. A Guadalupe vívese e punto. Julián Bustelo Abuín (O Araño, 1994) sempre foi un dos incondicionais, membro desa «militancia» —á que se refire— que chova ou vente vive practicamente unha semana na rúa para festexar e honrar á patroa.
—Este ano a Guadalupe cadra ben no calendario. Que previsións ten o Concello?
—Desde o punto de vista climatolóxico, que sempre é do que se pode estar máis pendente, nunca se sabe cal é a data máis idónea. Outra das cousas habituais é a posible coincidencia co Nazareno da Pobra e este ano non coincide; respectámonos os uns aos outros [ri].
—Nestas festas os rianxeiros bótanse á rúa durante toda unha semana.
—Aí atrás atopaba un titular meu de hai un ano precisamente no que dicía que en Rianxo hai unha militancia na Guadalupe e eu penso que é o que mellor define isto. Independentemente do tempo, que poida condicionar o desenvolvemento da festa, a xente de Rianxo vive a Guadalupe. Estamos esperando todo o ano por esta semana. E sexa como sexa, vivímola. E vivímola da mellor maneira posible, acompañados das nosas familias e amigos, vivindo cada día dun xeito diferente. O venres comeza o Chupitaso, dando protagonismo ás peñas, que despois tamén están o luns, pensando xa no público máis xuvenil. O sábado colleuse como costume comer cos amigos por aí. O domingo xa é un día máis familiar, máis devoto, coa procesión; o martes é o día de Padrón e o mércores o dos nosos maiores. O xoves está o Feirón e o venres a despedida por todo o alto cantando a Rianxeira. Cada día ten a súa particularidade. A xente de Rianxo vivimos a festa desta maneira particular, emotiva e con ilusión. Todos os anos, independentemente do tempo, iso vai ser así. Unha vez se anuncian as festas, pode xurdir algún comentario se a cousa vai a mellor ou a peor, pero queda nun comentario, nunca xorde un debate. Porque para nós non é condición necesaria o tipo de orquestras que haxa. A xente vai vir á festa. A Guadalupe celébrase, veña o que veña. Hai xente que colle vacacións e moitos negocios pechan esa semana.
—A participación da veciñanza é moi alta nas actividades, pero tamén previamente para poder organizar a festa.
—Si, a xente colabora para que a comisión poida desenvolvela da mellor maneira posible. Familias e moitas empresas do municipio aportan o que poden, cada un dentro das súas posibilidades. Tamén, por suposto, desde o Concello tratamos de aportar.
—Cal é o papel da Administración local?
—Os actos que patrocina o Concello son os menos, todo hai que dicilo. Céntranse fundamentalmente naqueles de carácter máis institucional. Á parte, a labor do Concello atinxe, sobre todo, aos aspectos de seguridade e loxística.
—Hai que facer unha gran labor de coordinación nunha semana na que Rianxo énchese con milleiros de persoas.
—Para nós as festas da Guadalupe xa comezaron días atrás. Estamos xestionando os aparcamentos, sinalizacións e todo o que está ao redor diso para que cando chegue o momento todo estea en marcha.
—Veñen efectivos doutros concellos a botar unha man.
—Si, temos reforzos da Pobra, de Cambados, de Padrón, ... Seguro que me esquezo dalgún. No dispositivo de seguridade tamén participan ambulancias, as nosas Policía Local e Protección Civil, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Policía Nacional e Autonómica, sobre todo nas cuestións máis relacionadas con protección de menores.
«Nunca somos noticia por feitos lamentables»
O alcalde de Rianxo congratúlase de que ano tras ano, a pesares de atraer o municipio a milleiros de persoas nos eventos máis multitudinarios das festas, as incidencias adoitan ser mínimas.
—Cal é o día máis problemático en canto a seguridade?
—O dispositivo involucra a moita xente e, entre aspas, é doado porque son moitos anos nos que, aínda que poidan cambiar certas cousas, os eventos, tal e como están planificados, non cambian. Quero sinalar que a Guadalupe nunca é noticia porque pase algo lamentable. Nin por pelexas nin por disturbios. E poñemos todo o noso empeño para que isto siga sendo así. Pero hai certos días nos que hai que estar especialmente vixiantes para que todo saia ben. É o caso do momento de cantar a Rianxeira, o último día. Ou o propio Feirón, que aínda que sempre tivo unha participación moi importante, estamos vendo que é un dos días no que máis aglomeración de xente temos. Neste caso non nun momento concreto, senón ao longo de todo o día. O luns é o día das peñas e aí a vixilancia vai enfocada principalmente aos menores. E o domingo, na procesión marítima, temos que procurar que non haxa dificultades que comprometan a seguridade da xente que vai nos barcos.
—Cal é o segredo de que ano tras anos a Guadalupe sexa un éxito?
—O particular da festa da Guadalupe é como a vivimos a xente de aquí, saíndo á rúa e vivindo nela practicamente toda a semana, desfrutando dos eventos que preparou a comisión. Ao mellor é pasarse, pero o xoves, co Feirón, é case o día máis destacado da semana por esa participación multitudinaria de xente que vén de moitísimos sitios.
—O rianxeiro é un pobo acolledor.
—Amigos, compañeiros de carreira ou familiares viven uns días con nós e inmediatamente séntense como un máis, partícipes dentro da comunidade. Están desexando que chegue outro ano para volver e iso é un éxito, fala moi ben da nosa acollida. Temos que estar orgullosos.
—Como vive Julián Bustelo esta festa?
—Non cabe dúbida de que é un marco diferente vivila como alcalde, pero procuro desfrutala o máis parecido posible a como sempre o fixen, cos amigos de toda a vida de como un lambebarras máis, que é o nome da miña peña. Intento que en certos momentos da semana haxa esa desconexión, pero é complexo porque detrás hai unha responsabilidade que está aí, no subconsciente.