A condición humana non está feita para a convivencia perfecta. En toda comunidade de propietarios sempre aparece un veciño que destaca, case nunca para ben: por poñer trabas, por crear conflitos ou por exercer un libertinaxe que acaba afectando a todos.
E o mesmo ocorre fóra dos edificios. Nas aldeas, os veciños de toda a vida teñen as casas a poucos metros e as leiras pegadas. Moitas xa non se traballan, mais continúan a ser fonte de disputas. Uns moven o marco «como se fixo sempre», outros seguen cultivando e molestan porque non paran de usar a terra. A tensión xorde entre dereitos exercidos e dereitos cuestionados, entre quen quere vivir en paz e quen non soporta a actividade do outro.
O resultado é que hai veciños —moitas veces familiares entre si— que pasan anos enfadados por catro palmos de terra. E esquecen o esencial: esa terra quedará aí cando morran, porque ninguén a leva para a outra vida. Pero nós empeñámonos en gastar media existencia pelexando por eses metros cadrados. Se non fose así, moitos avogados terían menos traballo, e moitos peritos quedarían sen informes que xustifiquen o inxustificable.
A realidade é teimuda: en Galicia hai case catro propiedades por persoa —11 millóns de parcelas para apenas 3 millóns de habitantes—. Somos herdeiros daqueles que desviaban as augas para regar a súa finca, ou que collían armas para defender un marco. Aínda hoxe, mover un marco segue a ser un deporte rural practicado en silencio, transmitido de xeración en xeración. Desfruten da natureza herdada, dos veciños, fagamos aquelo de «paz e amor». Presta máis.