A foto

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

El alijo de cocaína incautado en A Pobra por la Policía Nacional, con la colaboración de otros cuerpos
El alijo de cocaína incautado en A Pobra por la Policía Nacional, con la colaboración de otros cuerpos CESAR QUIAN

01 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu penso que non debe quedar ninguén na comarca do Barbanza que non teña comentado a descarga de droga nas idílicas praias da Pobra do Caramiñal. Pero xunto cos corpos de seguridade que participaron na operación Saona, debemos felicitar á persoa que se lle ocorreu dispoñer na comisaría da Coruña os paquetes de droga para a fotografía de prensa como se estivera ordenando a casa ante a inminente visita da sogra.

O alixo converteuse nunha peza de arte contemporánea, e a presenza dos policías que custodiaban a mercadoría, regulamentariamente armados, elevaban esta instalación á categoría de obra internacional. Así, unha operación xa amortizada na opinión pública deu un salto maior.

Se algo aprenderon os narcotraficantes tralos excesos das décadas dos 80 e 90 é que a publicidade e a ostentación fíxolles máis mal que ben. O camiño do narcotráfico en Galicia pasou, desde ese momento, por certa discreción. Coches de alta gama, ma non troppo, casas boas pero que non lembren aos garitos dos ditadores soviéticos. Hai ben de mundo para queimar cartos sen que ninguén pregunte como se chegou a eles. Aqueles escándalos animaron os políticos a destinar recursos para atallar o asunto. Desde entón, nas nosas comarcas a droga volveuse invisible e discreta.

Pensaba niso mentres vía a foto do estético dameiro de cocaína que montou a Policía Nacional para os xornalistas. En que medida toleramos máis a droga porque non a vemos e non fai tantos estragos directos na nosa mocidade? Unha pregunta que nos resulta tan incómoda como pertinente.