Rabuñar o mar

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

Marineros faenando en la ría de Arousa
Marineros faenando en la ría de Arousa C. R.

13 oct 2025 . Actualizado a las 08:55 h.

O verán de San Miguel ampliouse ata outubro onde as castañas anuncian o frío e os figos que non se recolleron están no chan ou comidos polos paxaros. Tempo de apertura das vedas da ameixa e do berberecho, a flote e a pé de praia. Dúas modalidades de marisqueo comúns nas comarcas de Barbanza e Muros-Noia, recibidas como unha das solucións para que os mariscadores poidan manter as súas familias no inverno.

Afortunadamente, os tempos mudaron. Xa no se vai ao monte a coller varas para encanar os rastros, endeños feitos de ferro para rañar a area onde nacen as ameixas, aos que se lle engadía unha rede; o cope, onde o marisco ao subilo abordo da embarcación, antes dornas, agora planadoras, había que darlle a volta para que todo material recolleito caera no cofiño de popa, enriba dunha prancha de madeira, feita para este oficio, e alí escollían o rabuñado na area: ameixa branca, roxa, carneiros ou berberechos rabiosos que antes se devolvían ao mar por non ter compradores. Cociñeiros, afamados ou non, galegos, españois ou doutros países, adoecen por este bivalvo para elaboración de pratos que lembren ao sabor do mar. Do mar de Arousa.

Hoxe os rastros xa non se encanan, a madeira converteuse en plástico, o cope non existe e os endeños agora son raños polo que despois de rastrear ao subilos a bordo escóllense as especies recollidas no mesmo sen envorcar dentro. Pero, o duro traballo de turrar e arar o mar segue a ser tan sacrificado como naqueles anos nos que nosos pais e avós traballaron nel, o mesmo que as xeracións actuais, garantes deste oficio artesán impregnado no ADN dos mariñeiros destas rías.