Pasou o día e pasou a romaría. Os efluvios da posta en escena da moción de censura na corporación municipal ribeirense serviu para comprobar que poucas cousas mudaron na estratexia de comunicación dalgún partido con representación no consistorio da cidade.
A algarada, o insulto, a provocación, denigrar ao adversario forman parte dese catecismo no que os principios democráticos son válidos en tanto me favorecen e danan aos outros. Mentres estaba na olla a moción unha cadea humana de persoas xuntaban as mans para reclamar o que se vén facendo tempo atrás: dotar ao hospital comarcal e os centros de saúde, tanto de Ribeira como de Barbanza, de persoal facultativo para que se reduzan ou eliminen as longas listas de agarda.
A Administración autonómica sabe como facelo, pero acusa a Administración do Estado, ao Ministerio de Sanidade, de que axilice a homologación de títulos non comunitarios. O Ministerio, establece as bases de ordenación profesional, define e actualiza especialidades, acredita as unidades docentes e convoca coas comunidades autónomas as prazas de formación sanitaria especializada (MIR).
Contratar médicos para os centros públicos de saúde corresponde á Xunta que decide cantos, onde e baixo que modalidade contractual realiza a captación de recursos humanos. A contestación do conselleiro de Sanidade en sede parlamentaria á deputada Rosana Pérez, do BNG, é evadir responsabilidades. Os gobernos están para dar solucións a unha cidadanía que observa a perda de calidade na atención do seu ben máis prezado: a saúde. E segundo o Sergas, 6.600 doentes do Barbanza agardan por consulta no hospital comarcal. Despois din.