Un outro Beiras

ROMÁN ARÉN

BARBANZA

Esperanza Mariño atende outros quefaceres de Beiras: a súa prehistoria como poeta e narrador adolescente

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Da importancia de Xosé Manuel Beiras na historia de Galicia nos últimos sesenta anos, poucos dubidarán, máis aló de filias e fobias. Leal a unha idea de Galicia, defendeuna dende a política, a oratoria, a economía e o ensaísmo, mais agora Esperanza Mariño atende outros quefaceres de Beiras: a súa prehistoria como poeta e narrador adolescente e o labor como tradutor.

Nun documentado estudo, Fíos de transparencia acesa, a autora examina polo miúdo esa faciana do tradutor, sobre todo do francés, pois puxo na nosa lingua o teatro de Giraudoux, Anouilh ou Camus, mais tamén a narrativa de Sartre e Constant, ademais doutros ensaístas como Morin. Francia foi fundamental na formación económica e literaria de Beiras.

Estuda tamén a autora as bases da formación laica e liberal do adolescente Beiras, e aínda nos engade un capítulo dedicado á historia da tradución galega dos séculos XIX, XX e XXI.

Destaco a tradución dun clásico como o Adolphe (1816) de Constant, que cobre un oco baleiro no noso anosamento da novela francesa do XIX, cando xa temos traducidos a Flaubert, Balzac, Zola, G. Sand, Stendhal ou Daudet. Beiras traduce con fluidez e habelencia este clásico da novela amorosa e psicolóxica francesa.