«Coa chave na man, mirei aquela parede, noutrora branca, que agora cubría un mofo verde e negro»
02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Tiven que entrar. Atoparme coa casa, oculta nun calexo apenas transitado, tirou de min de tal maneira que me obriguei a chamar. Ninguén contestou, a pesar da miña insistencia. Algún resorte do meu cerebro levou a man a tentear pola chave, agochada detrás do contador da auga.
Subín as escaleiras, coa chave na man, ata chegar a un cuarto escuro, onde o fillo e a filla durmían de pequenos. De fronte, a habitación conxugal, na que os meus laídos non quixeron volver resoar. No piso de arriba, e coa chave na man, recíbeme unha terraza con vistas á ría, aquela que me gardou pola noite, tantas veces, diante do silencio das ondas do mar, que xamais paran de moverse, batendo insistentes contra o peirao, nun eco acompasado dos meus propios latexos.
Coa chave na man, mirei aquela parede, noutrora branca, que agora cubría un mofo verde e negro, debuxando todo canto a memoria quixer ver, mesmo os restos dunha blasfemia repetida como bandeira. Baixar os chanzos na punta dos pés, coa chave na man, foi tan natural como falarlle ás pedras que resoaron os meus silencios.
A cociña, que cando entrei na casa non tirou de min, atraía agora todas as miñas forzas. Nas paredes puiden ver, coa chave na man, sabendo que no seu día non fun quen de limpar o desastre, os restos daquela cea que se estampou contra elas con furia, por non facelo contra a muller que eu era.
A bañeira que mollou as miñas feridas repetía diante da miña ollada un canto de berce antigo, do que non recordaba máis que o remorso, repetido non para os nenos, senón para min mesma. Pecha os ollos, meu ben, agocha a chave, pecha os ollos meu ben, que o día abre...
Camiño do pórtico de entrada, coa chave na man, sentín uns pasos detrás, que precedían a unhas mans que apertaban o meu pescozo, facéndome retroceder. Despois, unha quietude total do corpo e da mente. Parálise.
Alguén chamou por un can que estaba ouriñando no calexo. Saín sen mirar para atrás e, sabendo que quedaba aberta, tirei a chave da casa ao mar. Con todas as miñas forzas. Lonxe.