Sentar diante dunha folla en branco ou dun ordenador preparado para teclear, supón unha disciplina tan intensa como dedicarse a facer ximnasia
24 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Escribir non é doado. Non hai mellor maneira de comprobalo que intentar facelo. Sentar diante dunha folla en branco ou dun ordenador cun procesador de textos preparado para teclear supón unha disciplina tan intensa como dedicarse a facer ximnasia de alta intensidade. Só que aquí sabes cando comezas e marcas un tempo de remate. Cando tomas a decisión de poñerte diante dun teclado sabes a hora na que inicias o cometido, pero nunca sabes cando vai rematar. Podes suar sen te mover da cadeira.
O labor da escritura implica un traballo previo de investigación sobre a materia a desenvolver polo que a cabeza está sempre activa na procura de datos que alimenten a curiosidade para transcribila, e darlla ao lector con toda a honestidade da que o escribidor sexa capaz. A novela A liñaxe do demo presentada esta pasada fin semana no Ateneo de Ribeira, cuxo autor, Xosé Lois Brea, xurista de profesión, e home vinculado ao Deza por nacemento, a Ourense, por traballo, a Limia por casamento e a Ribeira por pracer; quizais non sexa o exemplo acertado para o que nos estamos a referir.
El escribe desde a investigación previa, pero, tamén desde a propia experiencia persoal marcando unha creatividade, ás veces reflectida nos contos de lareira, narrados polos nosos antepasados fondeados na memoria de cada un de nós e, tamén, no pouso que lle deixa o compartir catro espazos xeográficos diferentes onde transcorre a súa vida; a da Galicia interior e a do litoral. Dúas maneiras de entender a existencia. Dúas maneiras para inspirarse e transmitir, seguindo a pegada de Álvaro Cunqueiro, ese estilo literario ao que algúns chamaron realismo máxico. Brea deu coa tecla.