«Aspiran a modelar ás masas, cada vez máis dóciles, máis distraídas e manipulables»
25 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.É asombroso o peso que teñen os medios de comunicación e as redes sociais sobre un pobo. Hoxe, boa parte da mocidade soña con ser influente, é dicir, alguén que inflúe, que marca tendencia, que move vontades. Non é xa aquela antiga idea galega de «ter influencias» nas altas esferas para acadar favores ou prebendas; non. Os novos influentes aspiran a modelar ás masas, cada vez máis dóciles, máis distraídas e manipulables. E así o queren os que mandan, porque saben que un pobo ignorante é un pobo facilmente gobernable.
Xa ninguén quere ser carniceiro, zapateiro, gandeiro nin labrego. Nin ferreiro, nin canteiro, nin albanel. Son oficios duros, pero dignos e necesarios. Pero moitos prefiren o soño do carto gañado dende o sofá, entre vídeos, selfis e entregas a domicilio. A cultura do esforzo esvaeceu. Vivimos nun tempo no que a banalidade ten máis likes ca o traballo honrado. Nas redes, milleiros de persoas compiten por atención facendo parvadas para facer rir aos parvos. Mentres tanto, o campo énchese de silencio: quen coidará o gando?, quen sementará e recollerá as patacas?, quen arranxará un zapato ou coserá un vestido?
A resposta, por desgraza, é sinxela: ninguén. Cando algo rompe, tírase. Cando algo cansa, descártase. E logo asistimos, con indignación teatral, a manifestacións «verdes» en defensa do planeta, mentres esquecemos que o primeiro ecoloxismo é non perder o sentido común nin o valor do oficio. Acabaremos comendo carne de impresora. Un planeta cada vez máis pobre e máis cutre, cheo de xente que quere influír, pero sen ninguén que queira facer. Xa o vimos en películas futuristas.