Tivo a última presentación literaria do 2025 e o 13 de decembro entregará os Premios da Cultura
30 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda lle queda un último acto antes de despedir o 2025, a gala de entrega dos Sereos que se celebrará o 13 de decembro en Porto do Son, pero Barbantia pechou este venres en Rianxo o calendario de presentacións literarias. Fíxoo destacando a gran cantidades de citas que organizou ou nas que colaborou este ano, que suman máis de vinte.
Para esta última convidou a Suso de Toro, que acudiu ao auditorio de Rianxo para presentar o seu libro Terra de sacrificio. O autor estivo arroupado por María Xesús Blanco, presidenta da asociación cultural; Xesús Laíño, vogal; e Julio Alcalde, concelleiro de Cultura. A apertura e o peche do acto foi de carácter musical, correndo a cargo da chelista Noa Crego Collazo, alumna da escola de música local.
María Xesús Blanco aproveitou a súa intervención para facer fincapé na saía á rúa dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, o 209, unha cifra que tal e como remarcou é o mellor exemplo da intensa actividade cultural que levan a cabo os membros da asociación.
Algunhas das persoas que asistiron á cita de Rianxo aproveitaron para depositar o seu voto na urna instalada no auditorio co fin de elixir aos gañadores desta edición dos Premios Barbantia da Cultura. Os responsables da entidade lembraron que o prazo remata este domingo.
Na gala de entrega destes galardóns tamén se presentarán o Anuario de Estudos do Barbanza e o oitavo recompilatorio de A Voz de Barbantia.