Especies en extinción

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

Imagen del antiguo cine Filipino de Ribeira
Imagen del antiguo cine Filipino de Ribeira CARMELA QUEIJEIRO

01 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns dos edificios que no pasado albergaban cines, semellan barcos á deriva, sen peirao onde amarraren. Nalgún momento foron espazos onde unha ringleira de persoas baixaban cabeza, case como sinal de respecto, para sacar as entradas diante dunha ventá minúscula atendida, case sempre, por algún dos familiares dos propietarios, mentres estes encargábanse de poñer o proxector en orde, e da revisión das latas onde viña envolta a película. Despois de tantas proxeccións, os filmes, ao pasar por tantas máquinas, sufrían estrago polo que se facía necesario reparalos para evitar cortes que provocaran o malestar dos espectadores.

Moitos decatábanse de que era domingo cando había cine no pobo. Era o aviso necesario para tomar o descanso de toda a semana e vestir a roupa máis nova do armario. E era o día no que se aproveitaba para estrear unha prenda que, case sempre, coincidía co cambio de estación. O calzado merecía atención aparte, pois as nais non permitían saír da casa sen que os zapatos brillasen. O betume e un cepillado a conciencia solucionaba o conflito. Ir ao cine era ir de festa. As parellas aproveitaban a escuridade para agarrarse da man, mentres o porteiro apuntaba a lanterna para separar caras.

Aqueles edificios, maxestosos e diferentes, inda existen, pero dedicados a outros usos, desde tendas de xeados ata froiterías, pasando por «todo a un euro» ou establecementos de telefonía e electricidade. Contemplas esas estruturas e é inevitable lembrar un pasado diferente, tanto que se o contas, podes transmitir a impresión de que xa es unha especie en extinción. Se cadra, é verdade.