Remar

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

A desgraza é que xa non hai dornas nas que remar: nin polbeiras, nin xeiteiras, nin tramalleiras, nin palangreiras, nin con tilla nin sen tilla.
A desgraza é que xa non hai dornas nas que remar: nin polbeiras, nin xeiteiras, nin tramalleiras, nin palangreiras, nin con tilla nin sen tilla. Antonio Parada

A sarcopenia faise dona dos bíceps, antes de ferro, e a vista e o oído coxean a un mesmo tempo, para ledicia das tendas de audiófonos e de lentes que aminoran os efectos da presbicia

08 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo pasa a tanta velocidade que non te decatas ata o momento en que o comezas a percibir en ti e na túa contorna. Es o espello onde se reflicte. Nel observas como aqueles sentidos corporais, antes áxiles, vanse adaptando a velocidades máis pausadas. Os músculos van adquirindo case a mesma que o cerebro. Cada vez menor. A sarcopenia faise dona dos bíceps, antes de ferro, e a vista e o oído coxean a un mesmo tempo, para ledicia das tendas de audiófonos e de lentes que aminoran os efectos da presbicia. Se fose só isto a cousa iría tirando, pero hai máis. Desafortunadamente. A ecuación paso do tempo e dexeneración está tan presente que somos conscientes como acabará. Sendo nada.

As campañas de vacinación levadas a cabo nas comarcas de Barbanza, Noia e Muros para contrarrestar diferentes enfermidades que afectan a unha determinada poboación diana, son, sen dúbida, un dos elementos necesarios para evitar que os hospitais non dean abasto en determinadas estacións do ano. A outra, é referida aos profesionais sanitarios que recomendan aos vellos facer exercicio e observas nas rutas do colesterol a estes apurarse, case ata o afogo, polo ritmo dese andar mellorado por unha nova cadeira de titanio ou unha rótula de última xeración.

Outros, volveron ao mar. Ao remo. Non hai mellor exercicio. A desgraza é que xa non hai dornas nas que remar, nin polbeiras, nin xeiteiras, nin tramalleiras, nin palangreiras, nin con tilla nin sen tilla. Xa se perderon os estrobos para remar e si lle dis a alguén que che pase o remo de couso antes de poñer o de meo para colocalo na caverna consideran que están a falar cun diplodoco. Agora hai planadoras. Sen remos. Máis novas.